Opinión

Decadencia e militarismo

As miñas columnas sobre a Guerra do Leste necesitaban dunha síntese sobre o conflito aproveitando a perspectiva dos meses transcorridos e as novas, datos e certezas que foron aparecendo neste tempo e que desmenten a versión occidental-ucraína.  

Os datos obxectivos revelan que a invasión de Ucraína non é un caso de agresión gratuíta a unha nación desvalida e pacífica. O coronel suízo Jacques Baud, adxunto de Defensa no cuartel da OTAN, traballou no leste de Ucraína despois do golpe de 2014 e apórtanos datos moi interesantes. Atención á cronoloxía: 1) a guerra non comezou o 24 de febreiro coa invasión rusa, o goberno golpista ucraíno levaba oito anos bombardeando o Donbass (dez mil mortos civís de etnia rusa), ademais de negarse a cumprir os acordos de paz de Minsk aprobados pola ONU, 2) en marzo de 2021 Zelensky emitiu un decreto para recuperar Crimea, 3) a continuación, comezou a mover o groso do seu exército cara o sueste reforzando a liña fortificada do Donbass (contrariando á ONU), e 4) en apoio desas medidas, a OTAN e Ucraína realizaron en 2021 grandes manobras militares no Báltico e no Mar Negro dirixidas contra Rusia. Todo isto é ocultado por Occidente.

O 19 de febreiro deste ano, na Conferencia de Munich, Zelensky anunciou o desexo de devolver a Ucraína o status de potencia nuclear (en violación do Acordo de Budapest). En medio de fortes rumores (!) de invasión rusa, a partir do día 15 aumentan de forma extraordinaria as violacións do alto ao fogo polo exército ucraíno no Donbass. Os datos son da OSCE. Os ataques con artillaría aumentaron progresivamente de 41, o día 15, a 1.484 o 22 de febreiro, provocando varios mortos e uns 100.000 novos refuxiados. Esta foi a resposta de Ucraína á demanda rusa de cumprimento dos acordos de Minsk e a un tratado de seguridade coa OTAN. Finalmente, John Kirby, do departamento de Defensa de EUA, acaba de recoñecer que Biden leva armando en segredo o exército ucraíno dende xaneiro de 2021. Un rearme planificado.

O descubrimento dos laboratorios ucraínos de guerra biolóxica, admitidos por V. Nuland e financiados por Hunter Biden, confirman que esta guerra foi preparada e alimentada pola OTAN de forma minuciosa durante os últimos anos. Rusia coñecía esa deriva e as súas graves implicacións, e enfrontou o desafío.

Simultaneamente, a estratexia de contención da China coa formación do AUKUS (outra OTAN) para controlar a rexión do Indo-Pacífico revela a existencia dun programa de rearme mundial preparado dende hai tempo polas elites anglo-norteamericanas. A crise terminal neoliberal (enerxética, alimentaria e financeira), encuberta con inxeccións de miles de millóns de dólares/euros, sen respaldo na economía real, está detrás desta aloucada política militarista.

Por iso, EUA está tentando unha guerra máis ampla en Europa (sacrificando de paso os seus competidores/aliados). A integración de Finlandia e Suecia na OTAN (en principio pouco relevantes no plano militar), forma parte desa irresponsábel estratexia de tensión coa colaboración de dirixentes zombis seleccionados polo BM e o programa Young Global Leaders de Davos. Quen dá máis?

Comentarios