Opinión

De Madrid ao ceo?

Sabiamos que nos procelosos círculos da dereita capitalina rexen conceptos, tempos e ritmos moi diferentes aos doutras “provincias” e territorios do Estado. Non importa que esa boutade sexa posíbel grazas a que unha parte significativa dos seus recursos proceda da vampirización de empresas con domicilio fiscal en Madrid, pero co seu centro de produción noutros territorios. Esa condición de paraíso fiscal permítelles a algúns vivir mergullados en fantasías oníricas construídas dende a nostalxia por un Imperio Español rancio e obsoleto. E aí andan, inaccesíbeis ao desalento soñando, dende a gran metrópole, coa Reconquista acompañados pola recua de flechas e pelayos de Casado e guiados pola man incorrupta de Santa Teresa. O que era difícil de imaxinar é que esa deriva surrealista os levase a dotárense dun goberno rexido por unha especie de emperatriz infantil incapaz de xestionar algo máis serio que a rede social do can de Esperanza Aguirre.

Non dispuñan de moitas alternativas, coa maioría dos cargos electos (con “experiencia”) presos ou inmersos en infinidade de causas xudiciais (Boadilla, Púnica, Lezo, Máster, Kitchen...). Incluso alguén tan “inocente” como Díaz Ayuso estaba enleada no caso Aval Madrid. Nin sequera coa axuda do ínclito anxo Marcelo (o celeste amigo do supernumerario Fernández Díez) sería posíbel encontrar unha soa persoa “xusta” na Sodoma do PP. Pero non importa, coa defensa da corrupta monarquía borbónica como talismán, a dereita está decidida a simular que goberna, para maior gloria de familiares, amigos e empresarios afíns. E niso andan, incansábeis, de xulgado e xulgado ata o desastre final. O premio paga a pena.

Entre tanto, basta con mentir, difamar ou botarlle a culpa das súas miserias aos demais, continuando coa privatización dos servizos públicos e destruíndo o que aínda queda da sanidade. Co investimento máis baixo do estado en atención primaria, froito dos recortes acometidos polo PP nos últimos dez anos, e unha ratio de camas hospitalarias e de urxencia baixo mínimos, non era de estrañar a debacle na xestión da Covid. Porén, a pandemia resultou providencial para desfacerse (santa euxénese) de enfermos crónicos e de vellos da plebe que só ocasionan gastos ao negocio da sanidade, oportunamente regalado a prezos de saldo a amiguetes e fondos de investimento internacionais. E nese caos volve a segunda vaga da Covid, coa sanidade desmantelada e sen facer propósito de emenda. Nin mellora da atención primaria, nin rastrexadores e probas suficientes, nin ampliación de UCIs, nin especialistas. Pero constrúese un novo hospital a pesar de Ayuso queixarse de que non hai médicos. Como os aeroportos sen avións e as autopistas sen coches, pero embolsando comisións millonarias. Entre tanto, néganse a xestionar as súas competencias deixando medrar o caos. Coa caverna ouveando, Casado dicindo que a monarquía foi elixida polo pobo, Felipe VI tomando partido e a xudicatura perdoando a Rato e avalando o roubo piramidal de Bankia, pero inhabilitando ao President Torra por unha pancarta, que máis ten que suceder para darlle unha volta a este Estado anacrónico?
 

Comentarios