venres 18/06/21

Davos, as finanzas ditan o futuro

Hai unha semana realizouse en Davos o Foro Económico Mundial (FEM). Dirixentes políticos, organizacións internacionais, académicos, transnacionais e xornalistas dedicáronse durante unha semana a tomar nota do deseño que determinados expertos, seleccionados por este club exclusivo do capital financeiro, teñen preparado para o futuro inmediato da humanidade. A idea principal que se promoveu foi a de aproveitar a pandemia para intensificar a aplicación das tecnoloxías da Cuarta Revolución Industrial.

É dicir, control da información e das redes sociais e poñer en marcha o Gran Reinicio (Carlos de Inglaterra dixit) da economía mundial.

Debates que deberían darse no marco da ONU, e con expertos independentes, están trasladándose a foros controlados polas elites anglo-norteamericanas (o FEM está financiado polas principais transnacionais do planeta), impoñendo axendas e estratexias de parte, sen que case ninguén desentoe, agás rusos e chineses. O principal mestre de cerimonias do cumio foi Mark Carney, enviado especial das Nacións Unidas para Acción e Finanzas Climáticas e membro da xunta directiva do FEM. Pero o canadiano-británico Carney non é un asesor calquera. Foi membro do Banco Internacional de Pagos, o banco de bancos do capital financeiro internacional, e ata o pasado ano exerceu como gobernador do poderoso Banco de Inglaterra. Carney é un experto na xestión de crises a favor das elites financeiras, como fixo en 1998 en Rusia á fronte de Goldman Sachs.

Esta rendíbel xestión levouno a formar parte do selecto Grupo dos Trinta promovido polos Rockefeller, sendo escollido polo Financial Times coma unha das cincuenta personalidades que marcarían o “camiño a seguir” despois da crise de 2008.

A súa principal dedicación na actualidade é vender o proxecto das finanzas internacionais para o clima. Para conseguir este obxectivo, Carney leva organizado dende hai anos diferentes grupos de traballo, e en 2020 creou o “Grupo sobre a Ampliación dos Mercados Voluntarios de Carbono” formado por representantes do Bank of América, BlackRock, Bloomberg, BNP Paribas, BP, Goldman Sachs etc. É dicir, a alta finanza encárgase de marcar a estratexia e de elaborar os informes que máis tarde os obedientes representantes estatais do FEM van avalar e implementar nos seus países coma verdades reveladas.

A idea é impoñer unha ríxida axenda aos gobernos do planeta para a transición a unha economía sen carbono. Nada queda ao azar, e xa elaboraron un mapa de “riscos climático-financeiros” de todo o planeta a nivel rexional e estatal que implicará obrigas de descarbonización, e sancións se non se cumpre cos obxectivos marcados. Esa estratexia, que pode parecer positiva para combater o Cambio Climático, permitiría modular as axudas de tal maneira que os máis “aplicados” (países avanzados) serían premiados (p.ex.: accederían máis facilmente a créditos) e os retrasados obrigados a cumprir, aínda que iso signifique cargarse a “anticuada” industria do país sen que haxa alternativas á vista. Sóalles iso? Plan darwinista puro e duro (económico e social), completando o efecto euxenético da Covid.

comentarios