Opinión

Cultura, motor do cambio social

Hai uns días participei nunha conferencia-coloquio promovida por Vía Galega para falar da situación social e do que se pode facer para incrementar a autoestima nacional dos galegos e galegas. A ocasión resultaba acaída para formular a idea de que (ademais da acción política) sen unha axenda cultural galega, comprometida co país, ía resultar enormemente difícil (por non dicir imposíbel) conseguir tal obxectivo. Partindo de que, hoxe por hoxe, ese traballo non vai ser desenvolto polo Xunta actual a través das súas redes administrativo-culturais, polo menos coa intensidade e (calidade) necesarias, resulta evidente que debe ser realizado pola sociedade civil, especialmente o mundo da cultura, e as organizacións sociais (sindicais, políticas ou sectoriais) que amosen un mínimo compromiso coa cultura galega.

Algúns opinan que a situación actual, de pandemia e confinamentos, non axuda a desenvolver ese proxecto. Certo, hai moitas restricións, a xente está preocupada por cuestións máis cotiás, como a economía, o seu futuro laboral e a alarma sanitaria. Non obstante, todo iso non invalida a proposta, só evidencia a necesidade de adaptala aos tempos presentes para ser eficaz. Noutras épocas históricas adversas, por exemplo na ditadura franquista, sen liberdade de reunión, de expresión e de prensa, a xente máis consciente acabou organizándose (p.ex, a través do asociacionismo cultural) para poder chegar á sociedade. En todas as épocas houbo dificultades, pero tamén xurdiron alternativas creativas para poder vencelas. Así e todo, a época actual é máis complexa que a de hai catro décadas. A cultura neoliberal impregnou unha gran parte do pensamento e da actividade social, promovendo un individualismo egoísta e cosmopolita, ademais dunha suicida tendencia á fragmentación social, circunstancias que impiden unha visión de conxunto, ademais de actuar como neutralizadoras do cambio político.

Asemade, existen importantes recursos nacionais (humanos e materiais) para opoñerse con éxito a ese proceso destrutivo. Aínda máis, este é o mellor momento para o contra-ataque, en sincronía co declive do modelo neoliberal, un bluff que ficou ao descuberto durante a pandemia, circunstancia que amosou de forma clara o fracaso económico do capitalismo de rapina fronte aos modelos racionais de economías nacionais auto-sustentábeis. Xa que logo, compre aglutinar os esforzos de múltiples profesionais, institucións, empresas, fundacións e asociacións nun gran Proxecto Cultural Galego, plural e democrático, con capacidade para facer chegar a cada recuncho do país programas culturais de cinema, teatro, poesía e literatura, combinando a creatividade artística cos valores progresistas e a divulgación do coñecemento histórico do noso país.

Da creación do imaxinario épico dun país coñecemos as grandes producións cinematográficas sobre Rob Roi, Robin Hood, o Cid ou Pimpinela Escarlata. Pero na Galiza temos personaxes coma Teodomiro, Xelmírez, Roi Xordo ou Pedro Madruga, e moitos outros, agardando a facer as delicias de milleiros de galegos e galegas, e do mundo se se terza.  Por insistir que non quede.

Comentarios