Opinión

Cultura da cancelación

Nesta etapa de transición a un sistema de pensamento único os mecanismos de alienación social non funcionan (en xeral) con medidas de violencia explícita, basta con exercer o "poder brando" a través das redes virtuais. O Big Tech (Google, Facebook, Instagram, Twitter, etc.), en conivencia co poder político e os verificadores de datos, impoñen sen dificultades as súas regras e visión, de tal xeito que se te apartas deles dispoñen dun sofisticado algoritmo (a Policía do Pensamento-PP) que te porá fóra de xogo. Os discrepantes son borrados (literalmente) da nube dixital. A heterodoxia, consubstancial coa propia existencia histórica de Occidente e da democracia, só será admisíbel se non tocas os temas tabú que en cada momento determine o establishment a través dos amos de internet.

Se comezas a destacar e practicas a análise racional na busca da verdade, non teñas dúbida, serás "cancelado" (account suspended). Inicialmente, comezan coa censura sutil dalgunha opinión que colgas no muro dixital. Pasoume en Facebook, cando se me ocorreu ilustrar un artigo cunha inocente viñeta satírica sobre as sancións a Rusia. Volveuse automaticamente invisíbel na rede. A milagre operouse de repente cando eliminei a "irreverente" viñeta e a PP decretou a súa conformidade. A miña cativa influencia nas redes fai que a censura que me aplican sexa selectiva e circunstancial. Aínda non cheguei á categoría de "cancelado".

Por desgraza, iso non ocorre cos líderes de opinión que manexan milleiros de seguidores e son marcados co estigma de grandes heterodoxos. É o caso dos analistas Pepe Escobar de Asia Times ou do antigo inspector da ONU Scott Ritter, actualmente xornalista de investigación en CNews, cancelados oportunamente en Facebook, Twitter ou Instagram.

Cal foi o delito destes xornalistas? Informar de forma independente sobre o conflito de Ucraína, analizando (con datos e probas) a miseria da guerra e as montaxes e fakes que periodicamente subministra a maquinaria de propaganda da OTAN. O razoamento para suspendelos nas redes foi a acusación de "desinformación". O mesmo que solicitaron, a semana pasada, Obama e Clinton (con numerosas accións encubertas na súa presidencia) ás tecnolóxicas criticando a liberdade de opinión, "porque debilita a democracia". Curioso oxímoro, como se pode debilitar a democracia practicando un dos seus pilares básicos?

Distinto sería a intoxicación informativa, a insidia ou a calumnia, pero para iso está o Código Penal que debe ser aplicado con garantías polos xuíces, non de forma arbitraria polas tecnolóxicas en defensa do seu ideario neofascista. Incluso, durante a Inquisición había dereito a un xuízo antes do potencial castigo. Disque Rusia fai o mesmo. E iso que xustifica? O dereito a opinar libremente hai que defendelo sempre.

Pero á forza de intoxicarnos e alienarnos chegamos a este estadio de suprema estupidez onde aceptamos sen crítica algunha o que nos subministra o poder global. Nesa trampa caen dende traballadores manuais, profesores de universidade ou empresarios, a estupidez non distingue entre clases ou profesións. É como a morte física, acaba coa memoria.

Comentarios