Opinión

Crise perpetua, ganancias sen fin

Antes, nas épocas de bonanza económica, algo da riqueza xerada polo sistema chegaba á xente común, pero iso rachou coa crise de 2008. Sen apenas saír dela xa entramos na seguinte. No entanto, os máis ricos seguen acumulando riqueza e poder a bo ritmo, coa mesma velocidade coa que se empobrece o resto da xente. Algúns decatáronse de que se o mundo está en crise continua o proceso de acumulación e concentración de capital acelérase e as súas ganancias dispáranse.

Baste con sinalar que na crise de 2008 o importe dos rescates bancarios e axudas a nivel mundial superou os vinte billóns de dólares. No caso da COVID-19 aínda é cedo para establecer un resultado definitivo, pero os primeiros paquetes de medidas a cargo dos bancos centrais en Europa e EEUU xa superan os 8 billóns para axudas e compra de débeda aos Estados a través do sistema bancario privado. Unha parte substancial do negocio de acumulación prodúcese nas crises, coas fusións e adquisicións de empresas e bancos, previamente saneados co diñeiro público dos rescates. Segundo o Instituto de Fusións, Adquisicións e Alianzas (IMAA), entre 2007 e 2013 —durante os anos máis duros da crise anterior— realizáronse no mundo máis de trescentas mil F&A de empresas por valor de vinte billóns de dólares. Pero lonxe de diminuír, as operacións foron en aumento ata 2020, con seiscentas mil F&A e 45 billóns total de negocio. Un dato que nos pode dar unha idea da aceleración deste proceso é que hai vinte anos este tipo de operacións apenas rozaban as trinta mil anuais de media por importe de dous billóns de dólares; en 2019 foron cincuenta mil operacións e o importe achegouse aos catro billóns, catro veces o PIB español.

Esta vez, en Europa, decidiron que nesta crise as políticas de austeridade aplicadas en 2008 xa non eran viábeis. Por iso acordaron subministrar liquidez aos Estados mediante a compra de bonos e os fondos de reconstrución. Pero sería un erro pensar que o problema está resolto. Ao contrario, os Estados seguen endebedándose de forma continua e a economía real corre o risco de afogarse nun mar de préstamos impagábeis. O capitalismo neoliberal non pode resolver o seu problema existencial recorrendo á ficción do crédito sen fin. Chegou o momento de recoñecer que a débeda dos Estados é impagábel e que se necesita ir a unha condonación global ou non haberá solución. Non se trata dunha medida arbitraria; non pode ser que mentres a inmensa maioría da humanidade ten que facer fronte aos custos das crises, a banca privada medre a conta dese inmenso sacrificio sen poñer un can. É un contrasentido perverso que debe resolverse decontado. Pero esa medida sería insuficiente se non vai acompañada dun novo deseño do sistema financeiro. A banca pública deberá converterse no principal medio financeiro da economía de cada Estado. Para darnos conta da irracionalidade da situación baste sinalar que no primeiro trimestre deste ano a débeda pública española medrou en máis de trinta e cinco mil millóns (tres veces e media o orzamento de Galiza) situándose en máis do 100% do PIB español. Endebedámonos ata máis alá dos nosos bisnetos.

Comentarios