Opinión

Crise estratéxica mundial

Ainvasión rusa de Ucraína non é só relevante polo seu impacto militar, de feito hai máis de 40 conflitos bélicos no planeta moito máis sanguinarios, e con milleiros de mortos só no que vai de ano. Como non aparecen nas pantallas de televisión moitos pensan que non existen, pero algúns levan activos décadas, con millóns de mortos dos que ninguén fala. Na inmensa maioría destes conflitos EUA é a potencia hexemónica belixerante (ou instigadora a través de terceiros) obrigando aos demais a estar sempre a remolque. Por iso, o verdadeiramente novidoso do conflito ucraíno é o feito de que Rusia decidise rachar a actual orde internacional tomando a iniciativa fronte ao bloque anglo-norteamericano. En definitiva, como sinala a analista Nazanín Armanian, esta guerra é entre Rusia e a OTAN, Ucraína só é o campo (non inocente) de batalla. Por certo, acaban de descubrirse nese país 26 (!) laboratorios biolóxicos de uso militar controlados por EUA.

Ata agora os inevitábeis enfrontamentos producíanse en países afastados do heartland (Siria, Libia, Iraq...), pero neste caso o conflito trasladouse a un dos pivotes básicos, tanto para a OTAN como para Rusia. Un conflito estratéxico. Independentemente do tempo que se tarde en chegar a un novo equilibrio de forzas no taboleiro internacional esta decisión rusa creou de facto un mundo multipolar. Para comprender a dimensión do que ocorre cómpre fuxir do simplismo hollywoodense de bos e malos, trátase de algo de maior alcance. Rusia decidiu actuar despois de comprobar que o hexemón occidental decidira dominar o planeta en solitario impoñendo as súas regras. Pódese non estar de acordo, pero esa é a realidade. Nin EUA, nin (agora) Rusia, consultan as súas decisións con ninguén.

Resulta difícil neste momento prognosticar ata onde están dispostas a chegar as potencias belixerantes. Está moito en xogo. Por parte de Rusia, a súa propia supervivencia e, na beira occidental, a dominación do bloque anglo-norteamericano está en perigo. Todos están facendo apostas máximas no plano económico, financeiro e militar para derrotar o contrario. Pero a derrota total é inviábel, equivalería á desaparición da vida sobre o planeta. 

Algúns pensan que Rusia foi irreflexiva e caeu nunha trampa ao meterse no pantano ucraíno. Non acredito, foi unha decisión arriscada, pero meditada e inevitábel, a diplomacia non funcionaba. Na guerra de desgaste dos próximos meses verase quen está en mellores condicións de sobrevivir. Non parece haber dúbida da existencia dunha potente alianza estratéxica Rusia-China capaz de resistir as sancións occidentais, ademais de estar decididos a ampliar a súa influencia en Asia, África e Latinoamérica. 
Secasí, o efecto búmerang das sancións terá impactos moi potentes en occidente, propiciados pola alza imparábel dos prezos dos combustíbeis e da enerxía (gas, petróleo, electricidade), ademais da carencia de materiais estratéxicos e alimentos, producindo un efecto dominó sobre a economía e disparando o descontento social, como sinala o economista Michael Hudson. Tarde ou cedo, a paz negociada será imprescindíbel, pero nada volverá ser coma antes.

Comentarios