Opinión

Conflito interno na OTAN

O anuncio de creación da alianza militar Aukus no Pacífico entre EUA, Reino Unido e Australia, co obxecto de conter a China no Pacífico, achega un novo elemento de desconcerto na longa cadea de desavinzas entre os membros da alianza occidental nos últimos anos. Os vaivéns, contradicións e a (oportunista) xeometría variábel de diversos grupos xeopolíticos internos revela un alto grao de improvisación, ao tempo que un  desesperado “sálvese quen poida”. Aos recorrentes agravios dos EUA e do Reino Unido á UE (especialmente a Alemaña), xúntase agora un acto claramente hostil a Francia, impropio de países aliados, como a ruptura unilateral por Australia (sen previo aviso) do multimillonario contrato de subministración de submarinos (asinado con Francia en 2016), en beneficio dos EUA. 

Esta decisión implica a materialización da idea, nunca verbalizada abertamente, de que a Alianza Atlántica é só unha mera aparencia de alianza entre iguais ao certificarse, de maneira formal e descarnada, de que se trata dun poder anglo-norteamericano no que os demais estados actúan de meras comparsas. Máis grave aínda, agora sábese, segundo revela o Telegraph, que no cumio do G-7 en Cornualles acordouse de forma clandestina a constitución do Aukus de costas ao presidente francés Emmanuel Macron, unha operación que foi xestionada como “alto segredo” polos británicos e que os franceses coñeceron a través dos xornais. Unha “puñalada polas costas” de Australia e tamén dos “aliados de toda a vida” EUA e RU, en palabras do indignado ministro de exteriores francés Le Drian, que non dubida en falar de traizón. A inédita chamada a consultas dos embaixadores franceses en Washington e Canberra é todo un síntoma de que a alianza occidental está atravesando un proceso irreversíbel de descomposición interna. A estratexia anglo-americana de menosprezar a UE non era cousa só do “extravagante” Trump. Joe Biden fai o mesmo.

É importante sinalar que a aparición da Aukus ocorre inmediatamente despois de Alemaña (e tamén Francia) resistir as enormes presións dos EUA e RU para evitar a inauguración da rede de gas ruso-alemá Nord Stream II que vai subministrar este combustíbel a Europa a prezos moito máis baratos que os marcados por EUA para o seu gas de esquisto. Por tanto, trátase dunha severa advertencia e castigo (monetario) “aos díscolos europeos” por non obedecer aos amos da OTAN e ás transnacionais anglosaxoas.

Que consecuencias pode ter este desaire? En primeiro lugar, levará a un debate dentro da OTAN que probabelmente desembocará nunha división europea entre os aliados clásicos (Francia, Alemaña etc) e os países do leste de Europa, proclives á esfera anglosaxoa. Se este primeiro disenso se consolida, a OTAN entrará en crise, e o seguinte paso levará a un novo deseño do sistema de relacións internacionais, mirando o bloque europeo (Francia e Alemaña) a Eurasia (Rusia e China). A crise europea parece inevitábel, faga o que faga o núcleo dirixente da UE. En definitiva, a Aukus é outro feito que certifica o carácter estratéxico do Brexit e o novo curso xeopolítico anglo-norteamericano. A tribulación en Mordor continúa.

Comentarios