Opinión

Concertar, non impoñer

Estamos asistindo ao último episodio da traxicomedia permanente en que se converteu ultimamente a política española. Agora a polémica é sobre a permanencia da prórroga do estado de alarma decretado polo goberno central. Non parece razoábel que os que apoiaron inicialmente esta figura xurídica extraordinaria, nomeadamente o PP, queiran desengancharse como mera estratexia oportunista, no momento en que o goberno de Sánchez propón un plan de transición á “nova normalidade”. O PP non pode alardear de ter unha alternativa, a súa xestión nalgunha comunidade emblemática onde goberna foi un desastre, como é o caso de Madrid, durante os últimos meses convertida nun esperpéntico camarote dos irmáns Marx, coa súa inefábel presidenta coma protagonista. Un desastre sanitario que ten moito que ver cos brutais recortes na sanidade pública dende a época de Aguirre e a entrada masiva de fondos de investimentos internacionais na rede hospitalaria madrileña. Algo parecido fixo Feijóo coa sanidade galega.

Pero, á parte das liortas políticas mais ou menos artificiais, o principal problema da política española radica na súa incapacidade para recoñecer o carácter multinacional do estado e mesmo a súa formulación xurídica autonómica, onde un importante número de competencias administrativas son xestionadas en exclusiva polas comunidades autónomas, como sucede con Galiza, Euskadi ou Catalunya, entre outras. A da sanidade é unha delas; por tanto, un mínimo sentido de eficacia e de respecto polo sistema autonómico aconsellaría contar coas comunidades e xestionar de forma coordinada a crise sanitaria. Se o ordenamento constitucional estabelece, neste caso, que só co estado de alarma é posíbel o confinamento territorial, tamén é certo que se podería articular unha fórmula legal para que fosen as comunidades autónomas as que xestionasen no seu territorio a limitación da mobilidade dos seus habitantes e a gradación das demais medidas, deixando o control da mobilidade interterritorial nas mans do estado. O mellor modelo de gobernabilidade dunha crise é o uso adecuado do marco legal concertando coas partes o procedemento máis racional.

Pero en España optouse pola vea centralista imperial, que en vez de resolver o que fai é enquistar os problemas e exacerbar os enfrontamentos, demostrando na práctica que o estado autonómico é unha farsa e que, incluso, aqueles que pregoan un estado federal están dispostos a centralizar cando lles dan as máis mínima oportunidade. É absolutamente normal que esta actitude xacobina indigne as comunidades autónomas, especialmente as históricas, relegadas a un mero papel de comparsas nesta crise, gobernada con man de ferro e espírito cuarteleiro polo ministro de Sanidade, como xeneral en xefe. O enésimo erro do socialismo español, máis proclive a pactar coa dereita (resucitando a Ciudadanos) que cos nacionalistas.

En Alemaña optaron pola concertación cos länder, cun magnífico resultado práctico na xestión da pandemia, igual que en Portugal, onde a relación entre os partidos políticos pódese considerar exemplar, con igual resultado. Pero en España non aprenden, e así estamos.

Comentarios