Opinión

Colonización eólica

En 2007, o Goberno galego, a través da Consellería de Industria e Innovación, dirixida polo nacionalista Fernando Blanco, impulsou o denominado Plan Eólico. Aquel plan estratéxico baseábase en tres grandes eixos; en primeiro lugar, ser extremadamente respectuoso co entorno natural. Como segundo eixo, converter a enerxía eólica nun motor de progreso para o conxunto da sociedade galega, o medio rural en particular. Por último, evitar que o negocio eólico se concentrase nun reducido número de empresas. Por desgraza, coa chegada do PP á Xunta en 2009, ese plan foi derrogado en beneficio da gran industria enerxética. 

Coa perspectiva que nos dá máis dunha década de oportunidades perdidas, non é esaxerado afirmar que se privou a Galiza de miles de millóns de euros, imprescindíbeis para crear un tecido económico rural en consonancia coas necesidades do país. De forma específica, neutralizouse o desenvolvemento do sector eólico galego e facilitouse o control de máis do 50% do negocio eólico por empresas foráneas, fondos soberanos e sociedades de investimento internacionais (BlackRock, Norges Bank, Qatar Investiment, CVC Capital Partners, China Three Gorges Corporation etc.). Un agravio máis a sumar ao despropósito de que Galiza exporte unha media do 35% de toda a enerxía que produce sen que se traduza en vantaxes para o país.

Unha estratexia de colonización económica que a Xunta e o goberno español queren intensificar con novos macroparques eólicos nas provincias de Ourense e Lugo (máis de setenta en trámite dende 2019 en toda Galiza). Este é un sector que apenas crea postos de traballo directos nas zonas de explotación; por iso, a degradación do entorno paisaxístico e o impacto negativo sobre a industria turística actual ou potencial só podería ser tolerábel se houbese un retorno suficiente de beneficios para a creación dun potente tecido económico nun medio rural cada vez máis deprimido. Pero a Xunta de Galicia permite que a inmensa maioría da riqueza xerada saia fóra do país, en dirección a empresas como a madrileña Green Capital Power, Iberdrola (controlada por BlackRock, Qatar e o Banco de Noruega), ou a estatal norueguesa Statkraft, mentres os propietarios reciben menos do 2% polo aluguer dos terreos. Como é posíbel que empresas públicas doutros países poidan investir e sobreexplotar a enerxía eólica na Galiza e a Xunta siga impasíbel mentres o medio rural galego esmorece sen remedio? 

Un deses macroproxectos é o Parque Eólico de Rebordechao, localizado no Macizo Central ourensán e que afecta aos concellos de Vilar de Barrio, Laza e Maceda. Un entorno natural virxe, cunha zona declarada pola Xunta de Especial Protección dos Valores Naturais e de xestión do lobo, vai ser gravemente alterada por 28 aeroxeradores mastodónticos. Cada un cunha potencia unitaria de 5,5 MW, case sete veces superior á media dos instalados na Galiza ata agora. E só a cambio dunhas migallas. A sociedade galega debe mobilizarse e reclamar un maior respecto polo entorno natural e unha compensación económica xusta e equilibrada que permita o desenvolvemento sustentábel do medio rural galego. 

Comentarios