Opinión

O club de Frankenstein

A pesar dos ouropeis e boato do evento, os promotores do “Foro La Toja” apenas poden disimular o tufo de sucursal provinciana, máis interesados na aparencia que na achega dalgunha idea que non sexa repetir as mesmas cantilenas de hai uns meses en Davos. Nada estraño, trátase de non desviarse do camiño marcado polos reverenciados Superiores das finanzas internacionais.

Efectivamente, se a beleza do marco natural da Toxa non ten nada que envexar ao da cidade alpina, esa vantaxe desaparece ante a previsíbel e aburrida uniformidade ideolóxica da maioría dos seus participantes, por non falar da torpeza dos anfitrións ao non aproveitar a oportunidade de facer un correcto uso da toponimia do lugar que os acolle.

Esa idea de refrito de terceira clase confírmase ao coñecer algúns dos compoñentes dese sinistro concilio: Josep Piqué (presidente do Foro) exministro de Aznar, multado recentemente pola CNMV a causa das súas irregularidades en Abengoa; o juancarlista, atlantista e dereitista Instituto Elcano, o gobernador do Banco de España Hernández de Cos, un fiel acólito da banca internacional ou Enrique Goñi, implicado na estafa de Caixa Navarra. Continuando coa lista, encontramos o líder das eléctricas Sánchez Galán, presidente de Iberdrola, moi coñecido pola súa amizade con Feijóo, ademais da súa imputación por espionaxe á competencia e a diversos políticos (coa inestimábel axuda de Villarejo) e, completando este extravagante elenco, unha heteroxénea selección de políticos do PP e PSOE, na que destacan algúns rancios exemplares en vías de teresiana momificación, como Felipe González e Mariano Rajoy. En fin, non parece que o historial xudicial de moitos destes persoeiros sexa o máis idóneo para dar leccións a ninguén de ética, política ou economía.

Como colofón, non podían faltar neste evento os comisarios políticos do establishment internacional nas persoas do antigo xefe da CIA Leon Panetta e Janka Oertel do ECFR, un think tank europeo vinculado a George Soros e creado a imaxe e semellanza do CFR americano. En definitiva, o “La Toja” revela a desvergoña e prepotencia da sección hispana do capital transnacional, convencidos da súa impunidade social e orgullosos das abundantes sinecuras da globalización grazas á masiva privatización dos servizos públicos e os rescates da banca da última década. Non contemplan un futuro diferente.

Po iso, non sorprende a visión apocalíptica deste “club dos horrores” sobre o futuro do emprego. Prognostican que en 2022 o número de horas de traballo realizadas por máquinas será do 42% fronte ao 29% de apenas hai tres anos. Nesta liña, auguran que nos próximos anos a automatización vai destruír 75 millóns de empregos en todo o planeta. A este dato habería que engadir outros cinco millóns máis de desempregos pola transición enerxética, se ben prognostican que as novas oportunidades neste sector requirirían 16 millóns de traballadores (?). Porén, (agora as rebaixas!) advirten da gran dificultade de reconversión da inmensa maioría dos desempregados debido a factores xeográficos, de idade e formación tecnolóxica. Polo que parece, sobra moita xente. Máis pandemias?

Comentarios