Opinión

Clima e distribución de riqueza

A emblemática obra do Club de Roma, Os límites do crecemento (1972), prognosticaba que o exponencial crecemento demográfico (e o parello crecemento económico) sería unha das causas principais do colapso do planeta na segunda metade do século XXI se non se lle puña freo a esa escalada. Sobre esta premisa neomalthusiana foi construída a estratexia ambiental actual, argüíndo que o incremento de poboación estaría na base do despegue acelerado da industrialización, a produción de alimentos e a explotación dos recursos naturais. En consecuencia, a solución viría mediante o “crecemento cero” da economía e a poboación. O problema desta interesada conclusión é que deixa de lado algunhas cuestións relevantes, como a importancia da distribución rexional, territorial e estamental do consumo e da riqueza, así como as dinámicas do propio desenvolvemento sobre a sociedade, coma o impacto da educación, o empoderamento da muller e a tendencia crecente ao abandono do rural.

Efectivamente, o celebérrimo estudo do Club de Roma, coordinado por D. Meadows a instancias do MIT, non tivo en conta que o impacto do desenvolvemento era disímil, segundo as zonas xeo-económicas consideradas, e que o problema non estribaba tanto no número de habitantes do planeta senón na diferente capacidade de consumo de recursos das clases sociais de cada país, destacando de forma sobranceira os países occidentais capitalistas sobre o resto do planeta, e dentro destes, as clases altas (a plutocracia) sobre todas as demais. Tiveron que pasar case cincuenta anos para que un estudo da revista Lancet, publicado o pasado mes de xullo, fixese unha profunda revisión das proxeccións catastrofistas de Meadows, e de diversas organizacións científicas, ademais da propia ONU, e sinalase que a tendencia demográfica actual camiña a un estado estacionario, verificable cara á metade deste século, para pasar posteriormente a un lento decrecemento. O impacto ambiental, vén a dicir Lancet, non estriba tanto no crecemento demográfico dos países pobres (os máis prolíficos) senón no consumo irresponsábel e na dilapidación de recursos do segmento máis rico dos países capitalistas de occidente e oriente.

Como sinala acertadamente no Guardian G. Monbiot, se tivésemos a poboación de hai 500 anos (aprox. 500 millóns) e esta estivese composta de pasaxeiros de avión (tipo medio) do Reino Unido o impacto ambiental producido sería probabelmente maior que os dos 7.800 millóns de habitantes actuais. Un dato que confirma a ONG OXFAM cando sinala que o 10% máis rico do planeta xera o 50% das emisións de CO2. Este dato revela que o problema do cambio climático non se vai resolver mediante a conversión do sector ambiental no novo negocio da gran banca, como se promove dende os centros neoliberais de Wall Street e a City, apoiados devotamente pola UE, senón na radical reforma do sistema capitalista actual. En definitiva, no cambio climático resultan decisivas a desigual distribución da riqueza e a irracionalidade do mercado capitalista, e nada vai resolver a impostura pseudo-ecoloxista das elites nin os que acriticamente colaboran con elas.

Comentarios