xoves 29/10/20

O Che, moito máis ca un póster

Fomos moitos os mozos e mozas, fillos e netos das xeracións perdidas do 36, os que espertarmos do pétreo letargo franquista ao longo da década dos 60. Era a época dos curas progres, comprometidos coa clase traballadora e ilusionados con levar á práctica a doutrina social do concilio Vaticano II, ata que apareceron tipos coma Wojtyla e acabou o conto. Entre tanto, novas ideas e experiencias facían abrollar, imparábel, un mundo diferente ao ancorado na rutina viscosa e gris da ditadura. Era a época en que descubrimos Castelao e Rosalía, e nos deixabamos acariciar coas baladas dos Beatles; dos primeiros contactos coa clandestinidade antifranquista e de preocupación polo que pasaba no mundo. Nesa década ocorrían acontecementos que non deixaban  ninguén indiferente: os asasinatos dos Kennedy e Luther King, a guerra do Vietnam, a revolución cubana ou os movementos de liberación do Terceiro Mundo.

Pero entre todos eses acontecementos impresionounos un de forma particular. A noticia da morte dun home relativamente novo, que alcumaban o Che, un revolucionario executado nas montañas de Bolivia e que apenas uns anos antes entrara vitorioso na Habana ás ordes de Fidel Castro. A súa presenza, destilando a autenticidade e intelixencia dos espíritos libres, foi unha revelación para todos os pobos oprimidos do mundo. O Che representaba coma ninguén o heroe baril dos arquetipos clásicos: rebelde, sacrificado, desprendido, íntegro, culto e valoroso. Un moderno Prometeo, enfrontado ao deus imperial e decidido a redimir os desherdados da terra.

Foi esa imaxe heroica e liberadora a que o catapultou coma icona da mocidade rebelde de medio mundo. Unha imaxe demasiado perigosa para o Imperio, collido por sorpresa nun campo no que se movía sen competidores: no da creación de heroes e mitos de cartón pedra. Pero o Che era real, non un falso Robin Hood de Hollywood que vendían ao planeta coma o único heroe posíbel. Por iso había que banalizar a súa imaxe e convertela nun souvenir, no modelo estético da rebeldía sen causa. Non o lograron. A 53 anos da súa morte en La Higuera, as airadas reaccións de Bolsonaro chamándolle “delincuente comunista” ou a dos golpistas bolivianos condecorando os seus asasinos, son a mellor proba da súa pegada en pleno século XXI. E o alarido fétido das oligarquías suramericanas revelador, mellor ca ningún tratado, da podremia dunhas sociedades inmorais construídas sobre o desprezo da xustiza e das maiorías sociais. Non se pode matar a todo un continente insubmiso que volve cada pouco e con máis forza: Arxentina, Chile, Colombia, México, Bolivia..., igual que antes Cuba, Venezuela ou Nicaragua.

A memoria do Che segue viva, pendurando coma unha espada de Damocles sobre o fascismo latinoamericano, lembrándolle a caducidade irrevogábel dos seus proxectos. Pero a súa derrota non será fácil, farán falta moitos Che, ben organizados, aprendendo dos erros pasados e capaces de ilusionar os seus coetáneos, intoxicados durante décadas co virus neoliberal e un odio irracional contra os modelos sociais progresistas. Como cantaba o gran Carlos Puebla, ata sempre Comandante.

O Che, moito máis ca un póster
comentarios