Opinión

Charlie Hebdo

O brutal atentado sufrido polos membros de redacción da famosa revista satírica francesa, acompañado por un estraño secuestro nun supermercado xudío, está xerando unha importante onda de solidariedade cidadá coas vítimas ao tempo que unha vaga de islamofobia se abre paso en moitos países europeos. 

O brutal atentado sufrido polos membros de redacción da famosa revista satírica francesa, acompañado por un estraño secuestro nun supermercado xudío, está xerando unha importante onda de solidariedade cidadá coas vítimas ao tempo que unha vaga de islamofobia se abre paso en moitos países europeos. A magnitude do atentado levou, xustificadamente, a noticia ás primeiras planas dos xornais, pero o tratamento que  os  principais medios dan a estes terríbeis feitos non pasa dun sensacionalismo morboso de escaso ou nulo rigor. E iso se non vai acompañado de “artigos de opinión” advertindo do inminente perigo de islamización das sociedades occidentais. Non sei se co obxecto de vender máis xornais ou para conseguir determinado estado social de opinión. Quizais as dúas cousas.

"O primeiro que sorprende neste atentado é a rapidez con que son identificados os culpábeis. A pesar de que os terroristas ían con pasamontañas e con uniforme militar occidental"

A superficialidade e a uniformidade no tratamento da noticia non dá ningunha alternativa á información veraz e contrastada, nin permite gozar dun desexábel xornalismo de investigación, obxectivo e independente dos gabinetes de comunicación das instancias gobernamentais. Así as cousas, pouco podemos agardar do actual abano dos media europeos oficiais para coñecer a que obedece esta acción terrorista, igual que outras anteriores acontecidas en diferentes capitais occidentais.

Pois ben, o primeiro que sorprende neste atentado é a rapidez con que son identificados os culpábeis. A pesar de que os terroristas ían con pasamontañas e con uniforme militar occidental, un oportuno documento de identidade “esquecido” na zona de autos (igual que no 11-S, sobrevivindo a temperaturas de 800 ºC), fai que o servizo de intelixencia os poida identificar con facilidade. Pero, inmediatamente, aparecen as primeiras informacións contraditorias. O Pentágono afirma que eses individuos estaban fichados como terroristas, dende hai tempo, por Estados Unidos e, os servizos franceses, tamén informan de que estaban sometidos a vixilancia. Como é posíbel, entón, que se produza o atentado? Que tipo de vixilancia é esa que permite que uns perigosos terroristas poidan armarse ata os dentes e preparar un atentado desas características sen ser detectados?

"Moita xente, incluídos expertos en seguridade, confundíronos con membros das forzas da orde, non só polo uniforme senón pola súa conduta e actitude, propias das forzas especiais"

O segundo que sorprende é o aspecto dos terroristas, segundo puidemos observar a través dun vídeo amplamente reproducido na rede. Moita xente, incluídos expertos en seguridade, confundíronos con membros das forzas da orde, non só polo uniforme senón pola súa conduta e actitude, propias das forzas especiais, movéndose con seguridade polas rúas de París e executando con tranquilidade a un axente policial galo, algo que concorda pouco co que nos contan que sucedeu tres días despois onde os irmáns Kouachi, os presuntos autores do atentado, “querían morrer como mártires”.

Pero se nos preocupamos de profundar un pouco máis neste galimatías e nas súas circunstancias os feitos adquiren unha complexidade moi afastada da versión puramente yihadista que se nos quere vender. O diario estadounidense McClatchy, especialista en asuntos de Oriente Medio, deu a coñecer, o pasado día 8, que os irmáns Kouachi foran recrutados para a yihad en Siria por David Drugeon, un membro dos servizos secretos franceses. Este era un experto en explosivos relacionado coa organización terrorista Khorasan, próxima a al-Qaeda. 

Naquela altura, hai un ano, Francia estaba moi implicada na guerra en Siria e apoiaba os yihadistas do Estado Islámico co obxectivo de derrocar ao presidente Bashar al Assad. Os recrutados ían ata Turquía ou Xordania e pasaban, co apoio deses gobernos, a territorio sirio, para facer a súa “loita de liberación” degolando en masa aos habitantes de aldeas, vilas e cidades, ou decapitando xornalistas occidentais. Na actualidade a implicación de Francia na guerra de Siria ten un perfil baixo e as operacións, abertas ou encubertas, corren a cargo directamente do Pentágono, os británicos e os Saud.

"Quizais todo este embrollo ten algo que ver co estraño suicidio, o día 9, dun subdirector da policía xudicial gala que investigaba o crime de Charlie Hebdo?" 

Será difícil saber se os irmáns Kouachi foron os autores do atentado de París, porque as forzas de seguridade, contra toda lóxica, acabaron coa súa vida impedindo coñecer con precisión os seus nexos con al-Qaeda ou cos servizos de seguridade franceses, como sosteñen medios, como Fox News. Se esta tese se puidese confirmar a versión oficial de “fanáticos lobos solitarios” perdería toda a súa credibilidade e implicaría a altos cargos da República nesta tea de araña do terrorismo yihadista. Quizais todo este embrollo ten algo que ver co estraño suicidio, o día 9, dun subdirector da policía xudicial gala que investigaba o crime de Charlie Hebdo? 

Este é pois, outro atentado con características similares aos ocorridos en Madrid ou Londres, ambos os dous con moitas interrogantes sen responder, como ocorreu antes co 11-S. A consecuencia máis evidente desta estraña espiral terrorista é o convencemento das masas da necesidade enviar forzas “pacificadoras” a calquera parte do mundo sen reparar en gastos. Dende o 2001 os países occidentais, a través do seu brazo armado da OTAN, están cada vez máis implicados na desestabilización de amplas zonas de Africa e Oriente Medio, con guerras que teñen levado ruína e destrución a países como Iraq, Afganistán, Libia ou Siria. Antes tiñan os seus conflitos internos, como calquera outro país, pero tamén había paz, progreso e ausencia de terrorismo. Acórdase alguén do engano das armas de destrución masiva de Saddan Husseín? Agora son países indispensábeis para que as transnacionais poidan obter petróleo ou gas barato e manter activo o negocio do armamento, mentres unha grande parte dos seus nacionais viven na miseria máis absoluta e onde o número de vítimas diario pola intervención estranxeira é escandalosamente superior a calquera esporádico atentado ocorrido en Occidente. 

Xaneiro de 2015

Comentarios