Opinión

Censura e desinformación nos EEUU

A política institucional dos Estados Unidos é o resultado dun complexo sistema de equilibrios, axustado durante o século XX, entre sectores económicos, financeiros e correntes políticas representadas polos partidos Republicano e Demócrata. Ata a Gran Depresión do 29 o PR representaba a tradición progresista antiescravista e proteccionista do norte industrial —vencedores da Guerra de Secesión—, e o PD aos latifundistas do sur. Pero iso cambia durante a longa presidencia do demócrata Roosevelt, que coa introdución do New Deal (control bancario, legalización dos sindicatos, creación das pensións e o salario mínimo) converten o PD nun referente de esquerdas entre as minorías e a clase traballadora. Esa transformación fixo que antigas familias suristas se afiliasen ao PR producíndose un cambio de roles no aspecto ideolóxico e, ao tempo, un consenso en canto ás guerras neocoloniais e parte das políticas económicas. Non obstante, se ben non hai dúbida de que o PR é de dereitas, sería un erro considerar hoxe o PD como de esquerdas. Os seus amigos de Wall Street están na base da crise de 2008 e os elementos belicosos do Pentágono e da Secretaría de Estado (Clinton) representan o lobby das guerras neocoloniais (Iraq, Afganistán, Siria, Libia, Iemen...), xunto cos seus aliados do PR, como o clan Bush. O resto é cosmética para crédulos.

Pero o equilibrio bipartidista rompeuse na última década. A fractura política é cada vez máis profunda entre os sectores produtivos radicados nos EEUU (grosso modo: rural, enerxía fósil, construción, automoción...), e os vinculados aos medios, espectáculo, sistema financeiro e ás transnacionais deslocalizadas no sueste asiático, tanto a nivel de distribución como de produción. Os primeiros apoian a Trump e os segundos a Biden. A estratexia neoliberal é a que divide estes partidos ata o punto de producirse desercións importantes no PR, como os Bush, que agora apoian a Biden, contrarios ao proteccionismo. Son intereses moi diferentes e en moitos casos antagónicos, de aí que os resultados das presidenciais do próximo 3 de novembro, gañe quen gañe, non van favorecer o entendemento entre estas dúas faccións da oligarquía estadounidense.

Para algúns ex funcionarios da NSA contrarios ao Deep State, a situación é crítica e vai a peor, cualificándoa de guerra civil en curso. Sinalaron como moi grave, a decisión de Facebook e Twiter de vetar información explosiva contra Biden (por aceptar subornos de empresarios cando era vicepresidente de Obama). Xa o fixeran antes, pero agora trátase do veto a unha investigación do New York Post —o cuarto diario de maior circulación nos EEUU—, e a súa censura nas redes é un síntoma de que os enfrontamentos entre as elites está chegando a un nivel de non retorno.

En definitiva, a información xeral que chega dos EEUU ao resto do mundo vén filtrada previamente por algunhas axencias informativas e as redes sociais, creando unha distorsión sobre a situación real dese país. Este é o contexto en que se van producir as eleccións, nunha guerra a morte entre as dúas faccións da  cúpula do capitalismo norteamericano.

Comentarios