Opinión

Un catastro inservíbel

Dende que o ilustrado Zenón de Somodevilla, máis coñecido como Marqués de la Ensenada, ordenase en 1749 o primeiro rexistro das propiedades inmobiliarias do Estado español (agás Euskadi, Navarra e a coroa de Aragón) pasaron douscentos setenta anos. Os inevitábeis erros que se observan nesa primeira documentación catastral, en canto á localización de lugares, non escurecen, no contexto do século XVIII, o seu enorme valor histórico. Naquela altura, o obxectivo primordial do ministro de Facenda de Fernando VI era acometer, a través dese primeiro censo de propiedades, unha política fiscal que lle garantise ingresos suficientes á coroa para a modernización da armada, chave do mantemento dun imperio ultramarino cada vez máis acosado polos británicos.

Non obstante, ademais do obxectivo financeiro imperial, a importancia social daquel catastro, e especialmente dos posteriores, estribaba na posta a disposición da sociedade civil dun documento legal que reflectía as características físicas das propiedades de calquera individuo ou institución e a localización xeográfica dos seus lindes, servidumes, camiños e vías públicas, aínda que con erros e omisións. Pero se en épocas pasadas as circunstancias históricas e os medios técnicos dispoñíbeis non permitían de moita precisión e dilixencia na xestión, sorprende que, camiño de tres séculos despois, en plena época dixital, teñamos que vernos obrigados a utilizar un catastro con similares eivas e erros ata o punto de resultar en moitos casos inútil en virtude da súa clamorosa inexactitude topográfica e xeográfica. O curioso deste desastre censual é que afecta a parcelas urbanas, agrícolas e forestais por igual, e incluso a fincas que figuran no rexistro da propiedade. Pero o máis grave non son só os erros documentais, senón a irritante parsimonia das oficinas do Catastro.

O problema alcanza o límite do absurdo cando algún titular decide facer unha reclamación para devolver á legalidade documental o que é simplemente a realidade física (histórica) dunha parcela da súa propiedade. Nese caso, o desexábel sería contar coa colaboración da Administración catastral facilitando a reparación dos abundantes erros formais nos que incorreron os seus propios funcionarios. Mais ao contrario, despois de múltiples esforzos e gastos, o que se encontra o contribuínte é unha Administración pasiva e burocrática, onde calquera reclamación remata nunha inacabábel espera, limitándose en moitos casos a dar fe da súa incompetencia (legal e de facto) sinalándolle ao solicitante o camiño do xulgado como única maneira de resolver a chapuza que ela orixinou. E máis gastos. En definitiva, o balanzo do Catastro en Galiza é dun fracaso sen paliativos. E quizais chegou o momento de promover a reforma da Lei reguladora das facendas locais e outra lexislación concorrente esixindo a cesión da xestión do catastro a Galiza, na actualidade competencia exclusiva do Estado. A proximidade dunha Administración deste tipo cunha nova configuración máis operativa e resolutiva faría un gran servizo á cidadanía convertendo o Catastro nun documento fiábel, preciso e útil para a sociedade.

Comentarios