domingo 24/10/21

Capitalismo omnisciente

Coa pandemia recruou un debate que leva tempo preocupando a moita xente: o do control sobre a sociedade das empresas tecnolóxicas a través de internet, a telefonía móbil e as redes sociais. A situación alcanzou cotas tan preocupantes que, por diferentes razóns, o Dpto. de Xustiza dos EEUU presentou unha demanda anti-monopolio contra Google, que se suma a outras medidas similares contra outras empresas da trama tecnolóxica coñecida como GAFA (Google, Apple, Facebook e Amazon). Sobre a relación tóxica entre estas empresas e o cidadán común destacan as investigacións de Shoshana Zuboff, profesora emérita de Harvard, expostas con contundencia no seu ensaio A era do capitalismo da vixilancia.

Zuboff sinala que “...queren escravizarnos, non con asasinatos e terror senón cun sorriso”, referíndose á sedución despregada polas empresas e á inocencia irreflexiva con que a inmensa maioría das distintas sociedades do planeta se relacionan coas novas tecnoloxías da información e da comunicación. Segundo Zuboff, nesta nova fase do mercantilismo capitalista o sistema de captación de clientes xa non ten o centro de gravidade nas oficinas de publicidade clásica senón no propio individuo, utilizado non só como obxecto de consumo senón como fonte de información online sobre os seus pensamentos, gustos, fobias e necesidades.
Agora xa non se trata de fabricar publicidade de forma anónima, senón de extraer directamente do usuario o seu historial de busca en internet, das súas noticias e opinións nas redes, para ofertarlle en tempo real os produtos máis acaídos para o seu consumo no momento máis oportuno. Se unha das túas últimas buscas na rede foi unha cafeteira, durante as próximas horas e días, cando navegues polo espazo cibernético, aparecerán numerosos anuncios personalizados de diversas marcas relacionadas con ese produto. 
Parece marabilloso, pero non é froito da casualidade. É o resultado da gravación e procesado de centos de millóns de buscas en Internet, coas GAFA buscando patróns de conduta con capacidade de predicir o comportamento dos seres humanos. Trátase de millóns de datos, aparentemente non relacionados que poden ofrecer de cada usuario un perfil exacto. Para Zuboff este é o resultado “da maior infraestrutura de computación xamais imaxinada, cos seus científicos, servidores, procesadores e almacenamento, que serve a quen ten un interese financeiro en saber como nos comportaremos con seguros, educación, sanidade, inmobiliarias, comercio, en cada sector”. Non se trata de resolver os problemas da xente senón de influír nela con obxectivos espurios —persoais, comerciais ou políticos—, pasando por encima da intimidade das persoas e da súa liberdade de elección. 

Este sistema de vixilancia orwelliano é real e afecta gravemente á democracia; os individuos e a propia sociedade deixan de ser soberanos das súas decisións para estaren sometidos ao ditado das tecnolóxicas, e en consecuencia das elites que as controlan. A resposta a esta nova tiranía non pode ser (só) individual, hai que levar á sociedade este problema e esixir nova lexislación que impida esta invasión da intimidade.

comentarios