Opinión

Capitalismo hipersexuado

A polémica do Benidorm Fest coa "elección" da cantante Chanel para Eurovisión confirma unha certa tendencia do mundo do espectáculo a promover unha tipoloxía de artistas femininas onde o máis destacábel é unha mestura de físico sexy explosivo, ritmo de hip-hop ou reguetón e letras sexistas e superficiais. Resulta bastante previsíbel a monótona serie de clons (seguindo o produtivo 'modelo kardashian') con que nos obsequia periodicamente o negocio global do espectáculo. Pero o que máis me sorprende non é observar a permanencia (con outras estéticas) do clásico estereotipo baseado na explotación erótica do corpo feminino (non confundir con nudez artística), senón a presentación polos media de todo este star-system como sinónimo de "emancipación e feminismo".

En realidade, se raspamos debaixo desta falsa superficie do politicamente correcto, veremos que se trata dun proxecto comercial planificado ata os seus mínimos detalles. É o caso da famosa e premiada artista norteamericana Beyoncé, colaboradora co movemento #MeToo e que se considera a si mesma unha "feminista contemporánea", mentres explota nos escenarios o estereotipo de símbolo hipersexuado. Ela mesma admite ese dobre xogo ao presentarse en público (segundo as súas propias palabras) "máis sexy, sedutora e provocativa", proxectando un rol de muller erótico-comercial, mentres na vida privada afirma rexeitar ese rol de vampiresa (?). Unha carnada para conseguir o efecto desexado no seu público e alcanzar máis rápido os multimillonarios beneficios derivados desa posta en escena. Todo pola pasta! É eticamente admisíbel esta orquestrada "cultura" fake?

É o que hai (Musk dixit): un modelo moi rendíbel no económico, ao tempo que unha estratexia de homoxeneización (substitución) cultural impulsada polos grandes selos musicais. Aí temos a catalá Rosalía, un calco hispano de Beyoncé na súa aparencia física, éxito e "sensibilidades sociais". No seu último videoclip aparece como unha sofisticada xefa dun gang de moteiras agresivas e exhibicionistas, nunha reprodución espello do trasnoitado rol masculino de macho alfa descerebrado. Se alguén quere buscar algunha mensaxe nas súas letras non encontrará máis que frases sexistas axustadas ao reguetón (Como 'sex siren' yo me he echado un polvo... Kim K(ardashian) cuando está 'blonde', bebé), e así sucesivamente. Todo moi liberador.

Este é o tipo de "cultura" merecente de portadas nos telexornais das cadeas públicas (RTVE), onde o máis relevante son unha serie de interesantes contra-picados para admirar mellor as torneadas e robustas pernas da artista, que xa aparece núa na portada do seu último disco. (Unha mensaxe críptica para iniciados?)

Trátase de transformar a adversa realidade social ou de agravala? Un (unha) pode facer o que lle pete, é a súa decisión e responsabilidade, pero que non nos veñan co conto de que están defendendo os dereitos das mulleres. Trátase de puro negocio, ou máis grave, dunha flagrante impostura en beneficio de cantantes e compañías musicais. O que máis me sorprende é que apenas aparezan críticas desta mistificación socio-cultural da igualdade de xénero.

Comentarios