Opinión

Caos construtor

Hai un ano escribín nesta columna sobre o que o filósofo israelí, o augur de Davos Yuval Harari, denominaba a inminente chegada dunha "nova clase inútil", consecuencia, entre outros factores, do desemprego masivo que xa está xerando a aplicación da Intelixencia Artificial aos servizos e á industria. Nunha entrevista recente, Harari disertaba sobre os enormes retos aos que se deberá enfrontar a xestión desa numerosa lexión de desempregados eternos: "O problema é máis o aburrimento, que facer con eles e se van atopar algún sentido á súa vida, cando basicamente non ten (ningún) sentido nin valor. A miña mellor conxectura é unha combinación de drogas e xogos de computadora como solución para a maioría"(!). Que encomiábel exercicio de piedade cívica xudeo-cristiá. Permítanme o sarcasmo.

Harari non fala por falar. Por iso, as súas declaracións deberían resultar moi reveladoras para todos aqueles que pensan que a historia non é máis que un cúmulo de actos aleatorios e espontáneos. Harari encárgase de desmentilo ao afirmar que se tes suficiente poder de cómputo (as BigTech xa o teñen) podes chegar a entender as persoas mellor ca elas mesmas e por tanto tamén podes manipulalas: "os humanos son animais hackeábeis e en tal situación os vellos sistemas democráticos deixan de funcionar... o libre albedrío acabouse". Xa o anticipaba Huxley no seu Un feliz mundo novo coa "soma" facilitándolles aos habitantes dese futuro distópico despreocuparse das adversidades do presente na medida en que coa droga subministrada a conciencia ou calquera autonomía ideolóxico-moral deixaba de existir. "Os escravos amarán a súa servidume" era a súa conclusión. En realidade xa ocorre, por iso non debe sorprendernos que unha tal Rita Maestre, concelleira de Más Madrid, estea orgullosa de que a "capital española" sexa a anfitrioa do cumio da OTAN. Unha magnífica mostra (actual) dese estado de cretinismo que prognostica Harari.

Segundo o filósofo de Davos, se a IA se volve mellor que a dos humanos en habilidades cognitivas non quedaría ningún campo no que (os humanos) poidamos xustificar a nosa existencia (actual). Sobra moita xente e a alternativa sería eliminar (e/ou escravizar) os que sobran e dar (unha minoría) o salto ao transhumanismo, coa creación dun híbrido, mestura de ser humano e IA. Un cíborg neoliberal?

Non é unha broma, o modelo que augura Harari ten como meta un mundo unipolar neofascista. Nel, non se admiten sistemas económico-sociais alternativos, nin países independentes nin persoas libres. En Madrid a OTAN está axudando a tecer ese modelo, pero nin a pretendida incorporación de Suecia e Finlandia á Alianza (a mellora da morte que dicían os vellos) pode ocultar a frustración occidental polo imparábel deterioro económico, a desfeita da Guerra do Leste ou os constantes tropezos entre os seus membros. Ademais, a confusión na metrópole é notábel, cunha división crecente entre norte e sur e entre demócratas e republicanos que probabelmente significará a perda de maioría de Biden no Capitolio nas eleccións de novembro. Vivimos momentos estelares, co permiso de Stefan Zweig e Francisco Rodríguez.

Comentarios