Opinión

Cambio de época

Nos últimos trinta anos o capitalismo tivo unha oportunidade única para redimirse e converterse nun sistema plausíbel de distribución xusta de riqueza e de poder impulsando relacións pacíficas e cooperativas entre todas as nacións da Terra. Infelizmente, sen dar apenas tempo a concibir tal ilusión, a crúa realidade enseguida se encargou de diluír tal espellismo amosando como a cobiza bancaria arruinaba millóns de cidadáns roubándolles literalmente os seus aforros mentres se contraían os salarios e se deterioraban os servizos públicos co obxectivo non disimulado da súa privatización. Completando este ciclo auto-destrutivo, o colapso económico-sanitario, producido pola Covid-19 e as erróneas decisións tomadas como consecuencia da Guerra do Leste, acabaron por precipitar a crise terminal do sistema global neoliberal.

A duración desa agonía dependerá de factores diversos, pero será determinante o grao de resignación ou a capacidade de rebelión das clases populares de Occidente. De entrada, no que respecta a outras zonas do planeta, ninguén agarda que un deus ex machina providencial lles veña resolver o problema. En Latinoamérica, dende México ata Arxentina, pasando por Colombia (coa chegada esperanzadora de Petro), Chile ou Bolivia, están nacendo un conxunto de movementos emancipadores, libres (en distinta medida) da tutela ianqui, abocados e conformar unha grande área solidaria e cooperativa para lograr un futuro de verdadeiro progreso, xustiza e independencia.

Con máis dificultades, sucede algo parecido no continente africano, pero é en Eurasia onde os movementos de cambio xeopolítico resultan máis esclarecedores e tectónicos. O presidente da Duma rusa Viacheslav Volodin declarou que aqueles países que desexen construír un diálogo igualitario e relacións mutuamente vantaxosas poderían participar nun "novo G8" que, segundo o membro da Academia de Ciencias de Rusia Sergei Fedorov, podería estar formado por Brasil, Rusia, China, India, Indonesia, Irán, Turquía e México. É dicir, un BRICS+, cun 30% (e en ascenso) do PIB mundial.

Profundando nesta nova orientación dos países de economías emerxentes e cooperativas, Cheng Yawen, do Instituto de Relacións Internacionais da Universidade de Shanghai, sinala que se Occidente segue coa política sectaria de desvinculación de Oriente, primando unha estratexia neocolonial centro-periferia, aplicarán sen demora a doutrina dos Novos Tres Aneis (congruente co novo G8). Un novo sistema económico-financeiro que porá en valor as relacións cos países veciños aliados (1º anel) e que deberá estenderse ao resto dos países de Asia, África e América Latina (2º anel) e, por último, aos países industrializados de Occidente (3º anel) na medida en que sexa posíbel.

Segundo sinala Yawen, dende 1980 a participación dos países desenvolvidos no PIB mundial pasou do 78,9 ao 57,8%, exactamente en sentido inverso ao das economías emerxentes que crecen a un ritmo acelerado e continuo, ademais de seren líderes en recursos naturais e tecnoloxía. Esa nova realidade haberá que tela en conta e Occidente non terá máis remedio que admitila. Non hai alternativa.

Comentarios