Opinión

Bye bye, Adam

A dimensión da crise actual —á parte das moitas incertezas e enigmas— non é debida (exclusivamente) a problemas de incompetencia e insolidariedade (relevantes, sen dúbida) entre os países afectados por esta praga. Ocorre, e algúns acaban de decatarse agora, que o modelo económico e a organización territorial dos mercados produtivos mundiais impediu unha resposta eficaz.

Os neoliberais construíron unha globalización pensando exclusivamente na maximización do rendemento económico-financeiro e non no interese das nacións, da humanidade. Moitas grandes e medianas empresas —posuidoras dunha gran parte da produción mundial— levan décadas deslocalizándose a zonas con abundante man de obra barata (Asia). En circunstancias normais, ese sistema egoísta pode ser tecnicamente viábel —grazas a unha implacábel explotación dos traballadores e á creación de grandes desigualdades sociais—, pero cando hai que enfrontarse a unha pandemia coma a COVID (ou a unha catástrofe similar) o resultado é un planeta bloqueado e desabastecido, sometido á chantaxe das transnacionais. Incluso, países avanzados —como os europeos— son incapaces de responder adecuadamente, porque unha parte significativa da produción dos bens que necesitan fabrícase a moitos miles de quilómetros de distancia. Coas fronteiras pechadas e a produción parada polo confinamento é imposíbel resolver calquera emerxencia desta magnitude en tempo e forma. É un sistema irracional.

A solución a este despropósito non pode ser máis globalización, como propón o filósofo italiano Luigi Ferrajoli, que nos agasalla coa ocorrencia de dotar o planeta cunha utópica Constitución da Terra. Sen dúbida, é necesaria unha reformulación das relacións internacionais —a ONU xa non responde á realidade xeopolítica actual—, pero a cuestión urxente que hai que resolver despois da COVID é de organización económica e soberanía. Se algo debemos aprender desta traxedia é que un sistema baseado exclusivamente na maximización do beneficio económico resulta letal para o benestar das nacións e das persoas. Coa globalización capitalista os desequilibrios mundiais disparáronse en todo o planeta, os pobres son agora máis pobres e os ricos máis ricos. Segundo datos da OXFAM, as dúas mil persoas máis ricas do mundo posúen máis riqueza acumulada que as 4.600 millóns máis pobres, o 60% da poboación mundial. A situación xa era crítica antes do coronavirus, agora é catastrófica.

É urxente cambiar o modelo hiperprodutivista e de acumulación intensiva de capital por un sistema de produción máis democrático, soberano, ordenado e desconcentrado, que atenda ás necesidades de cada país. Este novo modelo sería máis eficaz ante calquera crise futura, e sen dúbida máis solidario, porque a cooperación é o máis natural entre países que teñen algo que ofrecerse mutuamente, que nunha situación no que uns teñen todo e outros pouco ou nada do que necesitan. Adam Smith equivocouse ao pensar que no “libre-mercado” era posíbel o equilibrio entre o interese persoal e o social. Porque, en realidade, nunca existiu a libre competencia nin a auto-regulación dos mercados, e menos agora.

Comentarios