Opinión

Borbón

Contan que esta dinastía accedeu ao trono español polo desmedido interese que tiña Luís XIV nas riquezas das colonias americanas, aproveitando a decadencia dos austrias e o comezo do declive imperial hispano. Pero dende os seus primeiros momentos, os desacertos políticos e a insaciábel voracidade borbónica polos negocios sucios actuaron coma preludio de grandes catástrofes. A primeira xogada no dominio español foi a escolta da Frota de Nova España en 1702 que culminou coa derrota da frota franco-española na batalla de Rande e no espolio dunha parte considerábel das súas riquezas por franceses e ingleses, cada quen polo seu lado.

Nas décadas seguintes, ante o imparábel declive do imperio, aplicáronse á represión interior e a intensificar o modelo centralista español. Con espécimes como Fernando VII, un tipo que no canto de defender o seu reino limitouse a exercer de indigno esperpento rogándolle a Napoleón que o adoptase coma fillo, xurándolle amor, submisión e obediencia. A este insigne cantamañanas sucedeulle a fogosa analfabeta Isabel II, máis interesada nos pasatempos e nos seus interminábeis amantes que no progreso dos seus súbditos, inaugurando unha das épocas máis corruptas da monarquía española, que remata, momentaneamente, entrado o século XX, co exilio de Alfonso XIII, marcado polo seu desprezo da democracia, os escándalos sexuais e unha corrupción sen límites. Valle-Inclán chegou a dicir que “os españois non botaron o último Borbón por Rei, senón por ladrón”. Un dos múltiples casos de que se lle acusaba era o de instrumentar as suculentas subvencións da vía férrea Ontaneda-Calatayud, beneficiando a empresas e persoas próximas.

Juan Carlos parece a viva imaxe do seu avó. Igual que o seu antepasado, o rei emérito combinaba as aventuras erótico-festivas coa súa habilidade innata para sacar tallada de canto negocio se realizaba polas patrióticas empresas españolas. A través do seu primo Álvaro de Orleáns, que actuaba coma intermediario e persoa de confianza, participou en numerosas operacións coma a do Banco Zaragozano en 2003, onde percibiu 50 millóns de francos suízos en concepto de comisión pola venda ao Barclays Bank de Londres. Unha operación finalmente ruinosa para os británicos, segundo o Sunday Telegraph, coa perda inútil de miles de millóns durante a crise intentando apuntalar o banco español. As sinecuras continuaron e o emérito dedicouse a viaxar gratis por medio mundo en jet privado grazas ás cuantiosas comisións recibidas (cinco millóns de euros entre 2016 e 2019 pagados con cargo ao fondo Zagatka con sede en Liechtenstein). Despois coñeceuse que Juan Carlos recibira uns 100 millóns de comisións pola construción do AVE saudita, seguindo coa tradición borbónica dos negocios co ferrocarril.

De Suíza a Panamá. Alí, Juan Carlos creou unha sociedade ficticia na que figuraba como un dos beneficiarios o seu fillo. O malo é que os británicos, os creadores dos paraísos fiscais, aínda non esqueceron o engano do Zaragozano a pesar do tempo transcorrido, e non parece que vaian deixar tranquila a coroa española así como así. Un futuro complicado para Felipe VI.

Comentarios