Opinión

Biden, a transición imperial branda?

Coma moitos políticos do aparello institucional dos EUA, Joe Biden comezou traballando cos republicanos para posteriormente ingresar no Partido Demócrata, no que saíu electo senador polo paraíso fiscal de Delaware, manténdose nas institucións de forma case ininterrompida ao longo dos últimos cincuenta anos. Biden foi un senador activo, moi implicado en numerosas iniciativas lexislativas durante as diferentes administracións republicanas e demócratas, colaborando decididamente na redacción da reaccionaria Patriot Act asinada polo belicoso George W. Bush en 2001. O “progresista” Biden atribuíuse o mérito de ser o autor intelectual dalgunhas das súas seccións máis controvertidas. Non resulta estraño que o republicano o apoiase nas últimas eleccións devolvéndolle o favor.

É importante sinalar que esa lei especial provocou unha enorme involución dos dereitos democráticos nos EUA e deulle carta branca a Bush para a súa “guerra contra o terrorismo” en todo o planeta. Un eufemismo que lle permitiu intervir abertamente naqueles países non proclives ás políticas de Washington. A Patriot Act avalou a autorización arbitraria das escoitas telefónicas e a espionaxe masiva en internet, situación que desembocou na denuncia do analista da NSA E. Snowden ao revelar que ao amparo desa lei os rexistros telefónicos foran intervidos secretamente a nivel global. Como recoñecen os propios lexisladores, a lei non axudou a resolver case ningún problema real de delincuencia ou terrorismo o que demostra que só foi un instrumento para o control da disidencia política e social. Agora é o mesmo Biden o que reclama a necesidade dunha nova lei contra o “terrorismo doméstico”. Antes, o perigo eran os talibáns, pero seguen tan activos coma en 2001. En definitiva, unha nova caza de bruxas interna contra os que teñan unha voz independente, aínda que se intente xustificar pola “violencia” dos seguidores de Trump. 

Mais a natureza do novo Goberno tamén habería que avaliala polos grupos de poder que o apoian. Resulta significativo que BlackRock, o maior operador de fondos do planeta (manexa 8,7 billóns de dólares, case oito veces o PIB español), colocase a tres dos seus principais executivos como membros do gabinete de Biden e Harris en materia económica e finanzas “verdes”.

Se en economía volven a escena os voitres neoliberais, en política exterior e no Pentágono regresan a todo gas os falcóns do complexo militar-industrial. Como Avril Haines, Directora de Intelixencia, a mesma que axudou a planear os asasinatos selectivos con drons cando era subdirectora da CIA con Obama. Avril é partidaria dunha postura máis agresiva coa China, nisto coincide con Trump. Da mesma tendencia son A. Blinken e L. Austin, secretarios de Estado e Defensa respectivamente, con experiencia nas guerras sen fin de África e Oriente Próximo e de presión aos gobernos progresistas de América Latina. Como positivo, quizais un achegamento a Irán. En fin, un revival de neoliberalismo e intervencionismo, adornado cun verniz progresista e multicultural. As expectativas son moi dubidosas, e os datos empíricos non axudan a un prognóstico positivo.

Comentarios