Opinión

Aulas, entropía e coronavirus

Segundo os últimos estudos, o SARS-CoV-2 pódese transmitir en forma de aerosol (suspensión de partículas salivares extrafinas envoltas no aire exhalado) que permanece no ar durante moito tempo e cunha importante difusión espacial. Esta é unha circunstancia moi relevante para a seguridade da actividade docente. Neste caso, o aerosol exhalado por un potencial portador vírico estaría disperso ao cabo duns minutos nunha gran parte da aula (os alumnos botan na mesma aula —de forma case continua— de 3 a 5 horas), de tal xeito que a carga vírica podería chegar a ser moi elevada.

Nestas circunstancias, como se resolve a protección? Se os protocolos de Sanidade estipulan que o contacto cun contaxiado durante 15 minutos, a menos de 2 metros (na aula estamos a 1,5) daría lugar a un confinamento, implica iso que se deben ventilar cada 10-14 minutos as aulas como mínimo? Se pensamos que a ventilación periódica terá dificultades cando as temperaturas se sitúen por debaixo dos 0ºC, será factíbel dar clase nesas condicións? Ou a masificación do recreo e os comedores escolares (sen máscaras!), onde resultará difícil o control estrito do alumnado evitando o contacto casual. Pero o problema non só reside nos centros educativos. Como se resolve a distancia social nun autobús escolar cheo de rapaces sentados cóbado con cóbado durante media hora ou máis? Esta circunstancia anularía ou relativizaría as medidas tomadas no centro educativo. A todo o anterior hai que engadir a ausencia do control diario dos parámetros clínicos premonitorios da enfermidade, como a toma de temperatura á entrada dos centros de todo o alumnado e do persoal docente e non docente.

En definitiva, á vista da evidente probabilidade de contaxio por vía aérea, sería indispensábel diminuír a carga vírica das aulas. É dicir, máximo de 15 alumnos por aula, como noutros países europeos, con algúns desdobres e quendas de mañá e tarde implicando ao profesorado, e contratando máis persoal cando fose necesario, medidas que permitirían desenvolver o traballo educativo de forma máis segura. A Consellería de Educación non contempla este tipo de medidas, amparándose en que serían demasiado caras, pero non ofrece alternativas válidas. Non é aceptábel queixarse de que o goberno central chega tarde, e Feijóo non asuma a obriga de gobernar, dialogar e resolver os problemas e dotarse, con suficiente antelación, das medidas para afrontar os distintos escenarios posíbeis.

Como vemos, hai outras alternativas para afrontar esta situación extraordinaria, pero nas actuais circunstancias non parece razoábel comezar o curso, confiando simplemente na sorte. Quizais, tendo en conta que xa van avanzados varios grupos de vacinas, habería que agardar ao mes de xaneiro próximo para ir ás aulas e, entre tanto, ensinar por medios telemáticos. É certo que este método non é o máis idóneo, pero ante a ausencia de medidas eficaces de protección debe primar a seguridade das persoas sobre outras consideracións. O coronavirus ama a entropía e a Xunta e o goberno do estado coa súa torpeza e falta de previsión, aparecen como os seus principais aliados.

Comentarios