Opinión

As uvas da ira

A xente está farta. Por iso, máis alá de que se produzan excesos que ninguén desexa e haxa polo medio algúns estraños interesados no caos gratuíto, é comprensíbel que calquera pequeno detonante desborde a indignación acumulada durante anos de inxustizas e condutas arbitrarias dos poderes fácticos e das súas comparsas institucionais. E cando a indignación social explota, os enfrontamentos coa policía, os cortes de rúas, as barricadas ardendo e os ataques a determinadas entidades bancarias constitúen a clásica resposta furiosa dunha sociedade farta. En calquera parte do mundo. Así e todo, reducir as últimas mobilizacións á entrada na cadea dun rapeiro de letras (primarias) antisistema resulta insuficiente. Xa ocorrera algo parecido con Jon Manteca, icona das protestas estudantís dos oitenta, moi emulado pola súa eficacia “doutrinaria” en destruír cabinas telefónicas. No mellor dos casos, Hasél, unha celebridade por obra e graza da xudicatura ultra-conservadora, foi un simple detonante de algo moito máis profundo. 

A sociedade está farta. Especialmente os miles de mozos e mozas sen futuro, cunha pandemia que se está levando por diante os seus proxectos vitais, xa en perigo antes coa sempiterna crise económica capitalista. Tamén hai moita xente farta coas dúas varas de medir das autoridades xudiciais e gobernativas. Moitos están fartos de que se permitan manifestacións de neonazis, celebrando as “batallitas” da xenocida División Azul mentres se reprimen os que están a favor da liberdade de expresión. E moitos están fartos de sentencias infames como a de Meirás, declarando a “boa fe dos Franco” no espolio de pazo, e concedéndolles o dereito a unha indemnización. Pura apoloxía do franquismo. Inaceptábel.

E a indignación só pode medrar cando se coñece que en 2020, en plena pandemia, a fortuna dos mil millonarios do mundo aumentou en case catro billóns de dólares, mentres que o número dos que viven en situación de pobreza medrou en 500 millóns de persoas, segundo datos facilitados por Oxfam. Ou cando se coñece que o excelso índice Nasdaq 100 é un 40% máis alto que antes da pandemia, aumentando o valor das súas accións en 24 billóns de dólares. Inmoral.

A situación é tan grave e o malestar entre as clases populares tan profunda que algúns temen unha “revolución”. Esa é a tese de Evans-Pritchard, un destacado columnista de The Telegraph, referíndose ao Foro de Davos: os banqueiros do Foro Económico Mundial están asustados e matinan na maneira de compartir “un pouco do seu fluxo de ingresos, coma unha prudente póliza de seguros, antes de que a metade inferior da democracia occidental tome o asunto nas súas mans”. Clarificador.

As elites planifican o futuro, que ninguén o dubide. A cuestión é dilucidar que tipo de sinal nos están enviando dende Davos. Queren de verdade repartir algo do que teñen ou, coma sempre, manipular o caos no seu beneficio? Probabelmente as dúas cousas. Por iso, a violencia caótica e gratuíta non é a solución a este xogo perverso. Só con organización, información e unha ampla base social se pode lograr influencia suficiente para enfrontar esa estratexia.

Comentarios