mércores 26/01/22

Aqueles heroes dos tempos escuros

Non tiven o honor de coñecer a Xosé Reboiras Noia, el xa rematara na Escola de Enxeñaría Técnica Industrial de Vigo cando eu ingresaba nela en 1973. Sen embargo, a súa pegada aínda permanecía naquel antigo edificio da rúa Torrecedeira.

Non tiven o honor de coñecer a Xosé Reboiras Noia, el xa rematara na Escola de Enxeñaría Técnica Industrial de Vigo cando eu ingresaba nela en 1973. Sen embargo, a súa pegada aínda permanecía naquel antigo edificio da rúa Torrecedeira. Alí, no abandonado e ruinoso  local da delegación dos estudantes, quedaban algúns exemplares da revista que el fundara —“Des…tornillo”—, ademais da imperecedoira pintada das siglas da UPG coa espiral nas enormes columnas da entrada principal da Escola. Resoaban aínda os ecos da folga do 72 e os fitos da revolta obreira —na que participaron activamente os primeiros xermolos sindicais nacionalistas— que conmocionaran as conciencias da urbe industrial, e do resto do país, cando a ditadura franquista estaba dando os seus últimos estertores coa rabia asasina dos que sabían que o seu tempo de iniquidade se estaba acabando. 

"O nacionalismo non só fixo algo que agora está de moda, coma iso de abrirse á sociedade (vaia novidade!!); máis alá diso foi quen de crear unha nova cultura política no país mobilizando a mi[email protected] de [email protected] a prol dunha Galiza de seu onde [email protected] puideran vivir con dignidade" 

A degorada caída da longa noite de pedra e unha mocidade ávida de novos horizontes, chea de vida e de esperanza, disposta a dalo todo por un mundo mellor, absorbeu coma unha esponxa e fixo súas as proclamas de homes novos coma Reboiras que reivindicaban para Galiza un futuro de seu apoiado na loita das clases populares. Aquelas arengas nunca foron simples slogans para escoitar os domingos e despois quedarse comodamente na casa. Eran chamados para a acción, para introducirse no seo da sociedade —no agro, nas fábricas e estaleiros, na universidade, nas asociacións veciñais e culturais— e cambiar as conciencias dun pobo adurmiñado. Moita daquela mocidade, desprendida e xenerosa, fixo posíbel a gran eclosión do movemento cultural, sindical e político como parte do rexurdir dunha Galiza pouco acostumada a sentir orgullo de si mesma. Por iso, cando se escoitan certas diatribas contra o nacionalismo acusándoo de non ter feito nada polo País só cabe tomalas con certo sarcasmo e displicencia. Abonda con botar unha ollada ao pasado histórico máis recente para desmentir tal ocorrencia. Dende aquela o nacionalismo non só fixo algo que agora está de moda, coma iso de abrirse á sociedade (vaia novidade!!); máis alá diso foi quen de crear unha nova cultura política no país mobilizando a [email protected] de [email protected] a prol dunha Galiza de seu onde [email protected] puideran vivir con dignidade. Sen esa cultura política hoxe Galiza sería totalmente irrelevante.

"Senón se respecta a Terra non haberá respecto ao individuo e iso sabíao tanto Castelao coma Reboiras e tantos outros heroes anónimos que axudaron co seu esforzo a construír o mellor da conciencia que ten hoxe Galiza"

A intensa actividade de cada militante nacionalista facía posíbel que se actuase en diferentes sectores sociais multiplicando os resultados coma se se tratase dunha lexión cando só eran uns poucos centos espallados por todo o País. Lembro aqueles tempos en compañía do malogrado Lois Obelleiro, e outros compañeiros inesquecíbeis daqueles tempos primordiais do nacionalismo de finais dos setenta, en que pola mañá asistíamos a boicotear a paga da Cota Empresarial, pola tarde faciamos delegados para o SOG e pola noite arengabamos aos mariñeiros do porto de Marín e afiliabámolos ao SGTM. Esa actividade político-sindical completábase coa participación asemblearia nas asociacións de veciños e culturais demandando servizos para as parroquias e os barrios obreiros das cidades, realizando conferencias e charlas sobre diversos temas de actualidade e promovendo o teatro afeccionado. E iso facíase en toda a xeografía galega e aínda había tempo para viaxar e prestar apoio a aquelas xestas heroicas contra a industrialización irracional e contaminante, coma a loita contra o proxecto da nuclear de Xove, as Encrobas, Baldaio ou o trazado absurdo e hostil dos primeiros proxectos da autoestrada do Atlántico.

A conciencia social —moita ou pouca, quizais non suficiente polo que se ve— criada naquela época foi, fundamentalmente, consecuencia do titánico traballo diario dos militantes nacionalistas de esquerda. Certo que eran outros tempos, pero igual de difíciles —ou máis— que os de agora. Quizais había unha diferenza: había ilusión polo futuro e hoxe podemos afirmar —sen complexos de ningunha caste— que toda aquela loita non foi inútil. A Galiza actual non se pode concibir sen os logros do nacionalismo: aí está o sindicato CIG, poderoso, orgullo da clase traballadora galega na defensa insubornábel dos seus intereses. Ou moito do tecido cultural do país xunto á defensa continuada do noso idioma, que non tería sido posíbel sen a acción da Fronte Cultural e das asociacións culturais; ou as experiencias dos gobernos municipais, exemplos de honestidade e eficiencia, desterrando en moitos sitios o caciquismo máis rancio. Parte da modernidade máis positiva do país débese aos que loitaron polo cambio do país cos pés na Terra: aí  están os recoñecementos, incluso internacionais, do deseño do territorio cuns concellos orientados ao benestar veciñal cun urbanismo humanizado e creativo. Mais as loitas históricas non son lineais e a do nacionalismo galego non é unha excepción. Ao avance continuado de máis de dúas décadas sobreveulle un estancamento que ten a súa orixe en múltiples causas. Divisións e outros importantes erros propios, ademais da oposición feroz do poder económico, político e mediático están na base da actual situación. 

E chegamos ao día de hoxe. A unha crise salvaxe do sistema neoliberal que deixa sen perspectivas a milleiros de mozos e mozas hai que engadir a pesada herdanza de décadas de adoutrinamento na filosofía capitalista de promoción do individualismo máis fútil, estéril e egoísta acompañado do perverso intento de liquidación da identidade galega. Difícil situación na que está este País, mais, igual que antano, virán novos heroes, bos e xenerosos, desprendidos, capaces de comprender que non haberá verdadeira liberdade e progreso senón se respecta a esencia do individuo; máis sen esquecer que cada individuo pertence a unha Terra, coa súa lingua, cultura, costumes e economía. Xa que logo, senón se respecta a Terra non haberá respecto ao individuo e iso sabíao tanto Castelao coma Reboiras e tantos outros heroes anónimos que axudaron co seu esforzo a construír o mellor da conciencia que ten hoxe Galiza, un País que necesita con urxencia cambiar e encontrar o seu camiño no mundo sen renunciar a ser nós mesmos.

Verín, agosto de 2014

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Aqueles heroes dos tempos escuros
comentarios