Opinión

Annalena

Un novo goberno acaba de tomar posesión en Alemaña cunha coalición tripartita de socialdemócratas, verdes e liberais. Ata aquí, nada estraño, na anterior lexislatura xa houbo unha (gran) coalición entre o SPD e os cristián-demócratas de Merkel. Non obstante, sorprende que a estratéxica carteira de exteriores recaese en Annalena Baerbock (AB), a candidata da Alianza 90 - Os Verdes, cun perfil moi próximo ás posicións anglo-norteamericanas, rompendo co relativo eclecticismo e autonomía da recente política exterior de Alemaña, en mans do SPD. Baerbock, fiel á liña militarista do Partido Verde dende o seu paso polo poder (apoiou os bombardeos da OTAN en Serbia e Libia), é partidaria da expansión da OTAN cara o leste e de practicar unha política dura con Rusia e a China. 

Co gasoduto NS2 paralizado por (supostas) razóns burocráticas, pero con fortes evidencias de que se trata dunha obstrución da quinta columna de EUA na administración alemá, interesada en substituír o gas ruso polo seu gas de esquisto, a elección de AB foi sen dúbida un éxito dos ianquis. A grande contradición desta “alternativa” para os Verdes, ademais do potencial incumprimento dun contrato con grandes custos para as empresas alemás, é que o gas de esquisto é moito máis caro, contaminante e perigoso que o gas ruso. 

Todos os progresistas saben que a igualdade, a xustiza, o desenvolvemento sustentábel e a cooperación internacional son características imprescindíbeis e indivisíbeis para a convivencia pacífica e o progreso social. Operar en sentido contrario ten consecuencias graves, como sucede agora en Europa: suba brutal dos combustíbeis e da enerxía eléctrica, afectando a millóns de persoas e arruinando miles de pequenas e medianas empresas. Unha política que só beneficia ás grandes transnacionais e ás elites neoliberais, os únicos que ganan con este roubo a gran escala, que se pretende xustificar coa vella andrómena dos mercados.

Pero, volvamos a AB. Sorprende que nun país como Alemaña, onde un político dimite ante o máis mínimo escándalo de tipo ético, Annalena acceda ao goberno federal cun pasado recente altamente cuestionábel. Foi acusada de plaxio en xuño de 2021, circunstancia que a obrigou a retirar o seu libro das librarías. En maio deste mesmo ano (como deputada) foi denunciada por non declarar ao Parlamento alemán varios miles de euros de ingresos adicionais. Tamén foi acusada de recibir irregularmente unha beca da Fundación H. Böll, e mesmo houbo controversias pola súa dubidosa participación na ACNUR. 

A curiosa invulnerabilidade de AB a este escandaloso historial ten explicación: pertence aos selectos clubs da banca internacional: Consello Europeo de Relacións Exteriores e Foro de Davos, formando parte do seu programa “Líderes Novos Globais”. Pero ten máis “méritos”: defende (sen rubor) a ocupación de terras palestinas criticando abertamente as resolucións da ONU que condenan o apartheid israelí. Unha militarista sen escrúpulos éticos no goberno alemán, supeditada ao lobby israelo-anglosaxón, no momento en que máis sentido común se necesita. Botaremos de menos os tempos de Merkel? Moi preocupante.

Comentarios