Opinión

Amado Líder crepuscular

O que leva ocorrido nos últimos catro meses escapa a calquera previsión real ou imaxinaria. Incluso, para os que levamos advertindo dende hai tempo sobre a deriva orwelliana deste sistema de pensamento único. Ironías do destino, mesmo a terminoloxía desta estraña época de confinamento adopta maneiras que parecen sacadas da neolingua de 1984. Así, a última etapa da corentena, de acordo con algún funcionario resucitado do Ministerio da Verdade, titúlana “nova normalidade”. Un oxímoro. Se é nova non pode ser normal, ou sexa: habitual, común, corrente, ordinaria…

As eleccións galegas son un deses paradoxos da nova realidade. Unha realidade que impide na práctica facer campaña electoral, no único sentido que poden ter esas palabras: falar coa xente, facer mitins, estar en contacto permanente co electorado. Sen garantías de transparencia e con restricións da liberdade de reunión, todo beneficia á forza política que goberna na Xunta, alterando o carácter democrático destas eleccións. Ese ambiente orwelliano complétase e agrándase coa omnímoda presenza do candidato oficial na TVG a todas horas. Pola contra, os demais aspirantes son tratados coma se fosen personaxes secundarios e accidentais dunha película de serie B. Que lle imos facer, na Galiza temos a dita inmensa de gozar da presenza do Amado Líder Virtual, que inunda o universo galaico televisivo fascinándonos coa súa grandiosa e sublime personalidade. Nin sequera necesita as incómodas siglas partidarias, que as leve Casado. E quéixanse algúns do culto á personalidade de Stalin ou Kim Jong-un.

Pero toda esa coidada posta en escena fallou o 29 de xuño durante o debate electoral dos candidatos á presidencia da Xunta. A impostura e a visión idílica da propaganda oficial deixou paso á crúa realidade. Feijóo, atacado por todos os flancos, atrancouse coas estatísticas, que a forza de retorcelas soaban cada vez máis a música celestial. Tanto foi así, que se lle secou a gorxa ante o pánico de verse ao descuberto, vacuo, ante a batería argumental da oposición, especialmente de Ana Pontón, demoledora e segura na súa exposición. Xusto é recoñecelo: a única críbel, tranquila e eficaz entre todos os candidatos.

En troques, Feijóo naufragou, deixando ao descuberto a fraude do seu goberno. Xustiza poética. O individuo que sepultou o noso idioma, que eliminou as axudas á promoción da cultura galega nos ámbitos editorial, teatral, musical, cinematográfico, do patrimonio e da investigación. O destrutor do rural e da sanidade pública; o gran privatizador das Caixas, o presidente da nova vaga migratoria da mocidade, o das falsas promesas do sector naval. O que baseou o seu acceso ao poder en mentiras, coma a suposta ilegalidade do Plan eólico e na contra-propaganda infame de medios de comunicación financiados polas eléctricas. Ese, que se presenta agora como redentor de Galiza. Que gran ridículo, que falta de ideas e de proxecto. Coma se non levase máis dunha década dilapidando a riqueza do país e desmontando as conquistas realizadas polo mellor goberno da historia da Nosa Terra. Amado Líder, a historia non te absolverá e Galiza tampouco.

Comentarios