Opinión

Alienación programada

No meu último libro reflexionaba sobre o xogo xeopolítico da alta finanza internacional e os dilemas aos que se enfronta a humanidade. Se na altura en que o escribín había dúbidas sobre o camiño que ía tomar occidente, dividido e indeciso diante dos riscos da encrucillada neoliberal, os últimos movementos parecen indicar que o núcleo hexemónico anglo-norteamericano optou pola fuxida cara a adiante apoiándose na enxeñaría social. Obxectivo: facilitar que “a opinión pública” en tempos de crise (pandemia, desemprego, precariedade e confusión) interiorice determinadas mensaxes e crenzas que en condicións normais nunca aceptaría por seren contrarias aos seus intereses vitais.

Sobre este proceso de mistificación o filósofo Slavoj Zizek advertiu sobre a exaltación da “filantropía” dos multimillonarios (Gates, Bezos, Soros...), unha forma de relativizar a extrema desigualdade desta fase do capitalismo na certeza de que (citando a Oscar Wilde) “é moito máis fácil sentir simpatía polo sufrimento que polo exercicio de pensar”. Nese alienante soño cae moita xente, incluso (por desgraza) a esquerda. Zizek explica, por exemplo, en relación co problema da inmigración masiva: “non se trata de protexer paternalmente (os inmigrantes), o que deberiamos facer é denunciar e cambiar a situación para que non se vexan na obriga de emigrar”. Non obstante, cando diriximos os nosos principais esforzos a apoiar as ONG dos capitalistas filántropos, os mesmos que coa brutal explotación neocolonial provocan a inmigración masiva, estamos facendo exactamente o contrario do que deberiamos para solucionar o problema. Pero esta maneira de pensar xa non é politicamente correcta: é dicir, o proceso de alienación social tivo éxito.

Outra estratexia similar é a que está en marcha coa exaltación dos súper ricos “ecoloxistas” que apenas tributan ao fisco (os novos corsarios), como Jeff Bezos ou Richard Branson, tratados coma heroes pola súas “viaxes” ao espazo exterior. Estímase que só a “aventura” de Bezos de 11 minutos supuxo 5.500 millóns de dólares, cun brutal coste ecolóxico de 500 millóns por minuto, pero (tranquilos!) fixo donativos cuantiosos contra o “cambio climático”, así que CO2 compensado! Cal é a mensaxe deste dispendio inútil e ofensivo para un mundo mergullado nunha fonda crise de desigualdade, contaminación e enfermidades? Que só unha minoría excelsa pode gozar deste planeta, os demais non contamos. Sobramos. En definitiva, o proceso no que estamos inmersos é o de facernos aceptar este comportamento antinatural. “Faremos o que nos apeteza, aguantádevos”, diría Elon Musk.

A teoría de manipulación social da “xanela de Overton” sinala que algo aberrante pode pasar a ser simplemente “raro”, para despois, nun chanzo máis, ser aceptábel. O proceso continúa ata que o aceptábel pareza sensato e, finalmente, xa non haberá problema para que se converta en pensamento dominante. Estamos sometidos a un proceso de anulación da nosa capacidade crítica, cunhas elites afastadas da realidade promovendo o maior proceso de alienación social de todos os tempos. Pero con moito glamour, e todos encantados.

Comentarios