Opinión

Adversidade e esperanza

Os resultados electorais do 12 de xullo representan moi ben a realidade antitética na que vivimos moitos galegos: a desagradábel constatación da forza e arraigo do PP neste país e a renacenza da esperanza nun futuro mellor. A luz está no magnífico resultado do BNG, dunha dimensión felizmente inesperada. Unha parte significativa dese éxito débese á súa portavoz, Ana Pontón, que soubo facer a travesía do deserto con humildade, acerto e solvencia. Conectou coa sociedade galega cun discurso eficaz pola súa sinxeleza, sen inútiles estridencias ideolóxicas, amosando unha gran proximidade co que senten e pensan unha parte considerábel dos galegos e galegas.

Algúns comparan este resultado do BNG co de 1997 cando se produciu o primeiro sorpasso ao PSOE. Hai certas similitudes; daquela o nacionalismo estaba nunha onda de entusiasmo e crecemento imparábel, con Beiras de portavoz. Agora podemos dicir outro tanto con Ana Pontón, liderando a remontada do BNG. A principal diferenza con 1997 é que daquela o crecemento fora producíndose paseniñamente durante máis dunha década en medio dun proceso de integración do campo nacionalista. A outra gran diferenza é que pasaron 23 anos, que dan unha boa perspectiva para aprender dos erros e dos acertos.

Agora toca centrarse no país. Unha parte considerábel do pobo galego demanda (e necesita) con urxencia unha política alternativa ao neoliberalismo imperante. Analizando os resultados electorais (excluído o CERA) obsérvase que a abstención se incrementou nestas eleccións en case cinco puntos (do 36,25 en 2016 ao 41,12% en 2020), dato que revela que máis de novecentos mil galegos non foron votar. Moita xente está farta das políticas do PP, pero non ve ningunha saída factíbel. Xa que logo, ese é un campo no que debe actuar o BNG con urxencia, propiciando un debate no seo da sociedade galega, con medidas pro-activas que produzan ilusión e mobilicen o país.

Por último, estas eleccións pechan o ciclo traumático de Amio. Os escindidos daquela estragaron o seu enorme capital durante todos estes anos demostrando que as lexítimas diferenzas do nacionalismo non se resolven coa eterna división en forzas infinitesimais, e menos integrándose en plataformas de obediencia española. Fixérono mal e pagárono caro. Pero estariamos nun erro se pensamos que os problemas de fondo xa están resoltos. Cun PP próximo ao 50% dos votantes aínda estamos relativamente lonxe da síntese necesaria para derrotalo. Gañar a masa de galegos e galegas desconformes, imprescindíbeis para acceder ao Goberno e transformar o país, é o reto ineludíbel que ten o BNG por diante. O camiño está ben orientado, pero queda moito traballo por facer. Escoitando o país real, con tolerancia cara ao que pensa diferente, e con xenerosidade na integración de moitos bos e xenerosos (de esquerda, galeguistas ou nacionalistas) é posíbel ese obxectivo. Esa estratexia xeraría unha carga de ilusión desbordante, imprescindíbel para derrotar o PP en 2024. O nacionalismo non pode contemplar outra realidade distinta dentro de catro anos que non sexa gobernar o país cun grande apoio social e nacional detrás.

Comentarios