Opinión

Abanear o deus intocábel

Como ocorreu na gran crise financeira de 2008, os bancos centrais están manexando volumes de axudas e “rescates” billonarios, onde se perfila con bastante nitidez o seu destino principal: a banca privada, especuladores e grandes compañías, en detrimento dos fogares e das pequenas e medianas empresas. O BCE xa puxo a disposición dos bancos tres billóns de euros a intereses negativos (!) para facer negocio a conta da crise, mentres que as axudas de liquidez aos estados mediante a compra de bonos no mercado secundario non chega á metade. A maiores, a Comisión Europea anuncia a creación dun Fondo de Recuperación dotado de 2 billóns de euros a cargo de novos impostos (?). É o momento de esixir que as liñas crediticias de diñeiro público destinadas ao negocio bancario e ás grandes compañías privadas se faga con condicións fiscais radicalmente diferentes, como sinalaba acertadamente Chomsky na última entrevista en Democracy Now: non estar rexistrados en paraísos fiscais, prohibir a recompra de accións (mecanismo utilizado por grandes accionistas e directivos para enriquecerse a conta da crise e dos pequenos investidores) e garantir a democratización das empresas. Esta é unha batalla que se debe dar en todos os ámbitos da acción política e social, e de maneira especial nos parlamentos Español e Europeo.

Pero habería que ir máis alá. Por que non prestar directamente (o BCE e a banca pública estatal) aos estados e á xente (empresas e fogares)? Acabaríase coa especulación bancaria e os xuros abusivos. Por que non cancelar unha parte notábel de débeda pública inxusta (á conta de anteriores rescates bancarios) e esixir o regreso das industrias deslocalizadas? Sería unha gran contribución á dinamización da economía real e ao equilibrio industrial mundial. Pero Christine Lagarde (BCE) rexeitou dar diñeiro directamente aos estados (“é ilegal”, segundo a francesa) ou financiar directamente a fogares e empresas. Lagarde ten pouca memoria; acaso foi ilegal rescatar a banca crebada en 2008, a pesar de conculcar o famoso “risco moral” liberal? Neste caso o neoliberalismo europeo é máis papista que o Papa; incluso a Reserva Federal de EE.UU. vai utilizar unha parte dos seus fondos para prestar directamente ás pequenas empresas e fogares.

Estas medidas serían as que posibilitarían un cambio de paradigma a favor da maioría da Humanidade. Pero non vai vir de seu, cómpre artellar un gran movemento social en pro deses obxectivos, porque os neoliberais están exactamente polo contrario, por reforzar o fracasado sistema existente. Trátase do Gran Negocio, ese que permanece eternamente blindado fronte ás guerras (mundiais incluídas), pandemias ou crises financeiras.

O gran reto da época pos-coronavirus é romper (ou debilitar) ese paradigma financeiro capitalista que arruína persoas, nacións, estados e ao mesmo planeta. Hai a obriga moral de aproveitar as grandes oportunidades que abrollarán no futuro inmediato, confrontando socialmente as enormes debilidades e ameazas do sistema neoliberal, coa vantaxe política e dialéctica de que (agora) son coñecidas (e padecidas) pola a inmensa maioría da xente.

Comentarios