Opinión

A traxedia saharauí

O estado do Sáhara Occidental constitúe unha das moitas chapuzas históricas do decadente colonialismo español, con consecuencias inmensamente dramáticas para centos de miles de saharauís, abandonados á súa sorte por unha gran parte da comunidade internacional, co único alento e solidariedade de Alxeria nos campamentos de Tinduf. Se España, como potencia colonial, se dedicou a espoliar as riquezas en fosfatos e pesca daquel territorio de costas aos intereses dos saharauís, cando chegou o momento de marcharse tamén o fixo de forma vergoñenta. Incumprindo as indicacións da ONU e transferindo o territorio de forma ilegal a Mauritania e Marrocos en 1975 para finalmente ser anexado por este último país en 1979. Aínda que a Fronte Polisario proclamou a república en 1976, a potencia administradora do Sáhara (de acordo coa ONU) segue sendo España, como sinalan os representantes do Polisario. Pero se en 1975 gobernaba un decrépito Franco co seu estilo cuarteleiro, non cabería agardar algo diferente do actual goberno socialista?

Lamentábel, pero non. Unha consecuencia directa do diktat imperial da embaixada ianqui sobre o Estado español, dende Franco ata Felipe VI de Borbón. Así, pese á clareza do papel legal que lle corresponde a España, o goberno de Sánchez rexeita calquera responsabilidade no Sáhara e desenténdese da persecución por Marrocos de moitos saharauís, como é o caso da activista Sultana Jaya torturada polo réxime alauí e arrestada sen orde xudicial dende o pasado ano.

A chave deste asunto, así como doutros moitos conflitos internacionais sen resolver, está na xeopolítica. A negación marroquí a culminar o exercicio do dereito de autodeterminación do Sáhara forma parte dun crebacabezas con intereses cruzados entre Marrocos, España, Estados Unidos-OTAN e Alxeria. Non se debe esquecer que no acordo da “fuxida española” de 1975 participaron directamente (o príncipe) Xoán Carlos e Kissinger a cambio dun cativo acordo de pesca con Marrocos, a explotación conxunta dos fosfatos e a renuncia daquel país aos enclaves de Ceuta e Melilla. Máis recentemente, co acomodo xeopolítico que se está a producir en Occidente, Marrocos constitúe un aliado estratéxico de EUA vital para o control do Mediterráneo e a zona noroccidental de África. Esta é a razón de que Estados Unidos de cando en vez se permita realizar manobras militares intimidatorias que afectan ao espazo aéreo español sen permiso previo de Madrid. Un desprezo que resulta aínda máis ofensivo e patético na medida en que a EUA se lle permite o uso neocolonial de varias bases militares de importancia estratéxica, como Rota ou Torrejón. 

A cuestión saharauí tamén está conectada co conflito larvado entre Marrocos e Alxeria que está sufrindo unha escalada nos últimos meses coa ruptura de relacións diplomáticas, o corte de gasoduto do Magreb e a posterior denuncia alxerina de ataque a uns camións na zona do Sáhara. En definitiva, os problemas xeopolíticos do norte de África poden acabar nun conflito rexional de consecuencias imprevisíbeis. E todo iso, nunha proporción considerábel, por España non cumprir coas súas obrigas internacionais.

Comentarios