Opinión

A rebelión dos necios

Coa licencia de John Kennedy Toole permítome tomar prestado parte do título da novela do escritor norteamericano, gañador pos-mortendo premio Pulitzer de 1981. Nesa obra descríbese a paranoica existencia dun individuo, Ignatius J. Reilly, empeñado en volver ao medievo, de tal xeito que a moral e o modo de vida dese período volveran ser realidade no seu mundo soñado. Un anacronismo que só so podía verificar na súa atormentada imaxinación. Algo así é o que me suxire a extravagante concentración do 10 de febreiro, onde varios miles de nostálxicos neofranquistas —algúns disfrazados de liberais e españois de ben— berraban na praza madrileña de Colón “por la unidad de España”.

A xulgar polas cifras, un resultado máis ben escuálido, a pesar do intenso bombardeo mediático, a todas horas e durante varios días,a cargo da inmensa maioría da prensa española e da televisión. Apenas xuntaron cincuenta mil persoas —nunha mobilización estatal— e nunha provincia que conta con máis de seis millóns de habitantes e cun goberno conservador na Comunidade. Vostedes xulguen.

Pero o problema non é a ridícula cantidade de seguidores desa esperpéntica procesión de simpatizantes dun imperio que xa non existe, senón o proxecto político que se agocha detrás dos novos Ignatius Reilly —Casado, Rivera e Abascal— que pretenden impoñer un tipo de sociedade, nostálxica dos reis católicos, que só existe nos seus miolos, atacados por unha sorte de nova variante da enfermidade de Creutzfeldt-Jakob.

Todos eles coinciden na cuestión principal neste momento: eliminar por decreto a autonomía catalá e aplicarlle o 155 a quen ouse discutir unha coma do seu ideario

 

Ese batiburrillo ideolóxico da dereita, abandeirado polos novos “jóvenes turcos” españoles, pretende facernos retrotraer ás esencias da vella España inquisitorial, aferrados ao rancio concepto joseantoniano do antigo imperio español como “unidad de destino en lo universal”, cultivando de novo a España Única e Indisoluble. E neste obxectivo coinciden os novos neoliberais de Rivera —o importante son as aparencias oucultivar o discurso banal—, os cristiano-liberais de Casado —apadriñado por Aznar na súa cruzada pola unidade de España e a loita contra a memoria e a negación da realidade—, e os fascistas nostálxicos de Abascal que non necesitan de matización ningunha. Todos eles coinciden na cuestión principal neste momento: eliminar por decreto a autonomía catalá e aplicarlle o 155 a quen ouse discutir unha coma do seu ideario. E toda esta España rancia, con ideas do XIX, pretende amosar a súa mobilización como unha defensa da constitución cando o que queren é liquidar algúns dos poucos avances da transición e volver a un rampante e non disimulado centralismo español ao vello estilo. Nin diálogo nin mínimos modais democráticos: circulen!

Á dereita sérvelle calquera pretexto para lanzar a súa manada de lobos famentos contra a disidencia. Agora foi o da figura do “relator” ou “mediador”, esa inofensiva figura utilizada nos seus tempos por Felipe González ou Aznar durante as negociacións con ETA. Pero a memoria é fráxil, sobre todo se os media da caverna española se alían para intoxicar á indefensa opinión pública, máis afeita á borralla dos reality televisivos que a practicar a máis mínima crítica da realidade.

A  pesar da tolemia imperante, todo parece indicar que a maioría non quere volver aos inicuos fastos da España imperial

 

Pero, a pesar da tolemia imperante, todo parece indicar que a maioría non quere volver aos inicuos fastos da España imperial, moitos saben o que costou a miseria intelectual e social do golpe militar franquista e as súas dramáticas secuelas. O problema da actual encrucillada española reside na terríbel debilidade da esquerda. Especialmente do PSOE, dividido entre os nostálxicos da España Una e Indivisible (os baróns socialistas de Aragón, Andalucía, Castilla-La Mancha e Extremadura) aliados cos liberais radicais Guerra e Felipe González, e os que recoñecen que é inevitábel un cambio na estrutura territorial, como Sánchez e parte do seu goberno. Neste lume cruzado entre as esencias españolas mesturadas co ideario neoliberal, e os anceios de nacións como Catalunya resulta difícil a conciliación de posicións tan antagónicas, e o goberno de Sánchez encóntrase ante un dilema shakespeariano de difícil resolución.

Un momento crítico no que todos deben facer un balance realista das súas forzas e posibilidades, e das ameazas que ennegrecen o horizonte. É a hora da intelixencia, dos axustes tácticos para poder avanzar e non estar condenados a volver sempre ao sisifiano punto de partida, senón corremos o perigo de que os necios nos arrastren ao abismo. E daquela, perderemos os que levamos perdendo dende hai séculos; non caiamos nesa trampa.

comentarios