Opinión

A lei do máis forte

Oxfam, unha ONG internacional pouco sospeitosa de anti-sistema, publica periodicamente diversos informes sobre desigualdade e distribución da riqueza. Recentemente, deu a coñecer algúns datos que deberían facer saltar todas as alarmas sobre o rumbo do mundo actual. Sinala, por exemplo, que no Estado español a finais de 2022 as marxes de beneficios das empresas (no seu conxunto) medraron un 60% en relación con 2019, mentres que os salarios apenas creceron un 4% no mesmo período. É dicir, o segmento máis rico da sociedade acumula capital a un ritmo quince veces superior ao conxunto da clase traballadora.

Este dato subministra tamén elementos cualitativos que desmentirían o mito de que o crecemento dos salarios é o causante da inflación, amosando como os beneficios empresariais serían un dos principais factores do aumento de prezos, producíndose unha retroalimentación perversa que contribúe á ampliación exponencial da fenda social. Por exemplo, a acción conxunta da inflación e o incremento das hipotecas xa ocasionou unha perda de poder adquisitivo das rendas máis baixas de arredor do 15%, segundo datos do Banco de España.

Este é un proceso global que vai en dirección contraria das promesas de políticos neoliberais coma Biden ou do mesmo goberno español, que propuñan un imposto ás grandes fortunas do 15-20%. A adversa realidade revela que, ao ritmo actual, a riqueza dos mil millonarios será en 2030 seis veces superior á de hai dez anos (pasará de 5 a 30 billóns de dólares). Só con medidas fiscais eficaces e vontade política se podería reverter esa tendencia, algo que non ocorre en ningún caso salvo a nivel retórico ou de cosmética política.

Como elemento ilustrativo poderían servir os exemplos de Elon Musk ou Jeff Bezos que tributan a un tipo impositivo real do 3,4% a pesar de que o sistema fiscal de EUA prevé un 37% de recadación para as grandes fortunas. A chave está nos paraísos fiscais que serven como válvula de escape aos súper-ricos fronte á inmensa maioría dos contribuíntes que tributan de forma ineludíbel a taxas arredor do 14%, segundo un informe de ProPublica. De igual xeito, a realidade impositiva das grandes empresas e fortunas europeas ou galegas sería similar ao indicado aquí para o caso ianqui.

Os datos de Oxfam son estarrecedores pola súa contundencia. Dende 2020 o 1% máis rico acaparou case as dúas terceiras partes da nova riqueza xerada no mundo, o dobre que o 99% restante. En 2022, as empresas enerxéticas e de alimentación duplicaron amplamente os seus beneficios repartindo 257.000 millóns de dólares en dividendos aos seus todopoderosos accionistas, mentres máis de 800 millóns de persoas no mundo ían á cama con fame cada noite. Por último, por cada dólar recadado en impostos a nivel global, tan só catro centavos son recadados sobre o segmento rico da sociedade. 

Un dato para reflexionar. Se aplicásemos un tipo de só o 20% (inferior ao de moitos traballadores) aos multimillonarios e grandes empresas poderían recadarse ata 7 billóns de dólares anualmente permitindo a toda a poboación mundial vivir de forma digna e sustentábel. Quen (ou que) o impide?

Comentarios