Opinión

A larga sombra de Londres

Os últimos grandes acontecementos na política internacional, como o “Brexit” ou a elección de Donald Trump, tiña despistados a moitos analistas, cousa nada sorprendente, porque eran resultados moi pouco probables, se temos en conta a previsíbel e coherente mecánica de sucesos políticos que experimentou o mundo Occidental dende a II Guerra Mundial. Aínda que o tempo transcorrido non é suficiente para ter unha perspectiva definitiva, tanto sobre o significado da elección do novo presidente americano ou a saída dos británicos da UE, xa hai algúns elementos significativos que poden iluminar algo do drama que nos ofrecen as elites que manexan o  mundo.

Argumentei que Donald Trump non era o candidato do stablishment, algo que se pode deducir de forma moi sinxela con só observar o acoso continuado ao que foi sometido polo mainstream durante os últimos meses, desautorizando o seu discurso, impugnando as súas medidas lexislativas, ata incluso chegar a falar de sometelo a un impeachement, segundo as declaracións de hai unhas semanas da coñecida líder demócrata, a congresista Nancy Pelosi. E todo iso, sen ter cometido ningún acto ilegal, e, verdadeiramente insólito, sen sequera respectar os 100 días de cortesía parlamentaria ao uso. Sen embargo, todo cambia de repente o pasado 6 de abril: Trump decide bombardear Siria (aínda que este ataque ten moitos elementos escuros e contraditorios), contra a opinión que tiña manifestado na época de Obama e, de maneira especial, durante a pasada campaña electoral. E fíxoo sen consultar ao Congreso, como é preceptivo pola Constitución USA, salvo perigo inminente para a seguridade do país, cousa que non sucedeu neste caso, como é obvio. Mais en vez de acusalo de temerario e de incumprir a Lei, todos os representantes do Estado Profundo americano que antes o desprezaban: CNN, senador McCain, OTAN e demais corifeos aplaudiron a medida e declararon ao unísono que Trump acababa de converterse nun auténtico USA President. Lamentablemente, se algunha vez Trump mereceu algunha marxe de confianza, no ámbito da política internacional, a día de hoxe o seu creto está practicamente esgotado con esa criminal decisión, complementada co seu último achegamento á OTAN e aos seus plans de guerra. Estamos asistindo ao rendemento incondicional de Trump ante o stablishment, despois de consentir que o Deep State neutralizase ao seu director de intelixencia e conselleiro de seguridade nacional, o tenente xeneral Michael T. Flynn? Este e outros nomeamentos, de persoas claramente anti intervencionistas, —incluso anti stablishment— foron desprazados de postos clave do goberno, nos menos de tres meses transcorridos dende a toma de posesión, invalidando o proxecto político prometido durante a campaña electoral. O tempo diranos se a deriva actual se confirma, pero en calquera caso en EE.UU. xa comezan a moverse importantes sectores antibelicistas advertindo de que a guerra non é a alternativa. 

Se algunha vez Trump mereceu algunha marxe de confianza, no ámbito da política internacional, a día de hoxe o seu creto está practicamente esgotado con esa criminal decisión

E aquí debemos analizar o papel dos británicos en todo este embrollo. A orixe da famosa conexión de Trump con Rusia foi unha fake news elaborada polos servizos de intelixencia británicos e aireada polos media do sistema a ambos lados do océano, conferíndolle a esa trola carta de autenticidade. Realmente, con toda a información que está aparecendo, parece que é Londres quen leva a dirección desta guerra psicolóxica. Segundo o profesor Marcello Ferrada, fundador da organización Médicos Suecos polos Dereitos Humanos (SWEDHR), hai poderosos indicios de colaboración entre a ONG “siria” Cascos Brancos e as organizacións terroristas Al Nusra e Fatah al Sham. Esa ONG, dedicada aparentemente a tarefas humanitarias en Siria, está financiada polo Reino Unido e rexistrada nos Países Baixos. Foi a que deu a coñecer outro suposto ataque químico de Bashar al Assad en 2015. Igual que daquela, o ataque actual de Jan Sheijun documéntase mediante testemuñas anónimas pertencentes aos Cascos Brancos e sen ningunha proba obxectiva que implique as forzas sirias. Non hai dúbida de que Londres ten un papel reitor na ofensiva contra Moscú e Damasco, e utilizou os seus longos tentáculos imperiais para manexar de forma conveniente á Administración Trump e aos organismos internacionais. Os británicos son expertos fabricando bulos ao tempo que traballan sobre o terreo coas súas forzas especiais para preparar os atentados de bandeira falsa necesarios con tal de que Rusia e EE.UU. non poidan entenderse para resolver os graves conflitos que ameazan a paz mundial. Sábese que na preparación do último ataque a Siria interveu activamente Londres “convencendo” a Trump de que había que pararlle os pés ao “bárbaro” Assad, algo recoñecido polos propios británicos e posto de manifesto polo representante ruso Safronkov na ONU ao esixirlle de forma ostensible ao representante do Reino Unido: “deixe de mentir sobre Siria e de frustrar a colaboración entre Rusia e USA nos asuntos internacionais”. Incluso o “progresista” The Guardian non ten reparo en advertir dende as súas columnas que “ou Putin lle fai caso ao secretario Tillerson (abandonar a Al Assad) ou Siria acabará coma Libia”. O “brexit” non foi unha vitoria do pobo contra a UE senón unha decisión calibrada das elites do Imperio Británico para actuar sen ataduras e marcándolle o camiño a USA. Fóra da UE están agora liberadas da obriga de ter que facer caso de opinións non coincidentes que poidan darse na Europa continental. O que parecía un novo paradigma de paz corre o risco de acabar en guerra aberta polos intereses británicos cuxa economía radica no mantemento do statu quo de predominio anglosaxón-americano xurdido da II Guerra Mundial.

O ataque actual de Jan Sheijun documéntase mediante testemuñas anónimas pertencentes aos Cascos Brancos e sen ningunha proba obxectiva que implique as forzas sirias

A situación é verdadeiramente grave, non só polo de Siria, tamén polas ameazas directas a Corea do Norte e a guerra xorda de Ucraína, por non falar de Iraq e Libia, desangrándose cada día. De non reconstruírse as comunicacións entre Rusia e USA o mundo pode encamiñarse cara ao abismo. Pero as cousas non van solucionarse se non se se inflúe nos mandatarios construíndo un gran movemento pacifista que mova as conciencias da Humanidade e pare esta tolemia suicida. Debe facerse en cada país, e en Galiza xa tarda. Sorprende, nesta alarmante escalada bélica, a parálise da esquerda, e mesmo da “sociedade civil”, uns ocupados nos seus problemiñas de escaso alcance, e o resto de vacacións, como se o que ocorre no mundo non fose da súa competencia. Sen ir máis lonxe, as fragatas que dispararon os seus mísiles sobre Siria teñen a súa base en Rota. Se se desencadease un conflito da OTAN en Siria o Estado Español estaría totalmente involucrado, por activa e por pasiva.

Verín, Venres Santo de 2017

Comentarios