Opinión

A humanidade en shock

A emerxencia mundial distópica das novelas de ficción xa está aquí: Covid-19. Pero esta é real. Falta saber quen vai ser desta o cabaleiro ou heroína que salve o planeta. Por agora, o que abondan son as mensaxes contraditorias, moitas dúbidas e algunhas incógnitas. Mentres a OMS se movía cunha calculada moderación China, e despois Korea, actuaban de forma dilixente e lograban conter o virus. E na UE? Ante a inacción, durante semanas, das autoridades comunitarias cabe preguntarse para que serve o custoso aparello administrativo da Unión Europea. En canto ao Estado, non tería sido moito mellor un rápido e selectivo confinamento territorial dos focos iniciais como algúns solicitaban? Máis dúbidas: por que, a pesar da (moi) alta transmisibilidade do coronavirus, o goberno británico prefire que se infecte a poboación e se alcance a auto-inmunidade, aínda a risco da morte de moitas persoas con enfermidades crónicas ou de idade avanzada? Diferentes decisións (en Europa), pero cun nexo común entre elas: a súa enorme tardanza. Unha estratexia euxenética?

A parálise comercial do planeta terá graves implicacións para a economía mundial e o shock social masivo será aproveitado para intentar introducir no próximo futuro cambios profundos (económicos e políticos) na vida de millóns de persoas, como xa se advirte sen disimulo dende diferentes instancias.

Sempre houbo epidemias e pandemias, pero iso non significa que todas sexan inevitábeis, teñan a mesma orixe ou obedezan ás mesmas causas. Porén, o asunto é grave e, aínda que é cedo para sacar conclusións, algúns datos circunstanciais son moi significativos. O pasado 12 de marzo o norteamericano Robert Redfield, director dos CDC (Centros para a Prevención e Control de Enfermidades), declarou que o coronavirus podía levar activo en Estados Unidos dende meses atrás. A revelación de que o virus non sería de orixe chinés tivo unha dura resposta dese país, a través do seu portavoz de Exteriores Lijian Zhao, que acusou directamente “ao exército estadounidense” de levar o virus a Wuhan. Zhao esixiulle aos americanos que revelasen a data en que apareceu o “paciente cero” en USA e toda a información (clasificada) sobre o virus; unha acusación “extravagante” segundo Washington. A prensa occidental nin menciona a noticia (!). Ao fío desta nova, resulta como mínimo sorprendente que o profesor Francis Boyle, experto en guerra biolóxica da Administración Bush, declarase o pasado mes de xaneiro que a Covid-19 podería ser unha arma biolóxica ofensiva vinculada ao laboratorio BSL-4 de alto risco de Wuhan. Alí traballan científicos de diferentes países, incluídos virólogos norteamericanos.

Non é estraño que todas estas revelacións alimenten a sospeita de que o coronavirus forme parte de algo diferente ao que se declara. Non é só unha emerxencia sanitaria, tamén psicolóxica (pánico de masas) e de caos económico. Algúns pensan que a crise é utilizada para desacreditar a China e á UE. Quizais para promover un cambio de paradigma en beneficio dos centros de poder anglo-norteamericanos? Lémbranse do Brexit? Un mundo demasiado líquido e imprevisíbel.

Comentarios