Opinión

A esquerda pasmada

A Guerra do Leste está conformando unha nova época na que xa se albiscan profundas transformacións no ámbito económico-financeiro, e tamén da política. Unha opinión que desenvolve o economista norteamericano Michael Hudson, unha recoñecida autoridade en economía internacional e no estudo do imperialismo ianqui, nunha entrevista recente.

Hudson advirte que os aumentos desmesurados dos prezos das enerxías e do sector agrícola, combinados coa irregularidade e a escaseza na distribución, abocará máis cedo ca tarde a unha crise de abastecemento, coa imposibilidade de facer fronte aos pagamentos da débeda externa na maior parte dos países de África e América Latina. Os que asuman o pago das obrigas financeiras terán que decidir entre diminuír de forma drástica a enerxía nos seus fogares ou na industria. Na medida en que o PIB está relacionado directamente co consumo enerxético, significa que unha diminución nese ámbito implicará de forma automática unha baixada dos ingresos no sur global. Sen eufemismos, fame.

A tese de Hudson foi referendada polas declaracións de Janet Yellen, a actual secretaria do Tesouro dos EEUU: "O que faremos será usar o FMI". É dicir, alagar de préstamos os países en default, que servirán para financiar o gasto militar nas guerras que libra EUA en todo o mundo intentando manter a súa hexemonía. Pero os préstamos só serán posíbeis coas seguintes "condicións": 1) baixando os salarios, 2) aprobando nova lexislación anti-laboral, 3) privatizando o dominio público (empresas, servizos e territorio) e 4) as pensións (?).

Situándonos máis perto, a sociedade europea xa enfronta unha grave crise enerxética e alimentaria, que se agravará aínda máis no futuro próximo, cuns prezos do gas exterior (monopolizado por compañías de EUA, RU e Holanda, que casualidade) que, segundo Hudson, serán de tres a sete veces o prezo actual do gas ruso. En cambio, o heartland de Eurasia poderá afrontar mellor a situación, ten excedentes de enerxía, fertilizantes e alimentos. Reflexión elemental: ten algún sentido seguir coa política de sancións?

Para Hudson, fronte ao fracaso socioeconómico do capitalismo financeiro só quedaría volver ao capitalismo industrial ou ao socialismo. Pero, claro, é indispensábel unha rebelión social e a esquerda está no limbo. O que lle sorprende a Hudson é a inversión de papeis entre a esquerda clásica (socialdemocracia, laboristas e algúns comunistas e progresistas) e a extrema dereita europea (representada esencialmente por Marine Le Pen), apoiando plenamente os primeiros a estratexia de EUA-OTAN fronte os segundos.

Terá que ver a continua perda de apoios na sociedade con este fenómeno de progresiva desnaturalización da esquerda? Estará a compracencia co sistema neoliberal, dedicando tempo e esforzos a cuestións accesorias, substituíndo a análise racional polo moralismo, na orixe dese estado de agonía, involución, caos e desconcerto? Parece que a algúns dálles  preguiza, nun mundo afeito ao inmediato, utilizar as ferramentas do marxismo (e do sentido común) para reflexionar, profundar, interpretar a realidade e ollar os cambios que se aveciñan. A ver.

Comentarios