Opinión

A decadencia de occidente

O que nos ensina a historia é que nada é eterno, todo cambia, algunhas veces de forma imperceptíbel, outras non tanto. O que caracterizou ao Capitalismo en occidente —no centro do sistema— foi o relativo progreso político, económico, cultural e social nos últimos séculos, especialmente durante unha parte considerábel do século XX. Claro que ese progreso non se podería entender sen a explotación intensa da clase traballadora e da periferia do sistema, propiciando un alto crecemento a costa de violencia extrema e de zugarlle os seus recursos e riquezas aos países do terceiro mundo. Pero unha vez culminado o proceso formal de descolonización a nivel mundial na segunda metade do s.XX, as cousas comezaron a cambiar, primeiro lentamente e despois de forma brusca coa crise enerxética dos ’70.

O Capitalismo, na cima do seu poderío e dominación, e na súa expresión máis caníbal e insaciábel —o neoliberalismo—, amosou con crueza a súa incapacidade para resolver os problemas da Humanidade

Non obstante, o Capitalismo, na cima do seu poderío e dominación, e na súa expresión máis caníbal e insaciábel —o neoliberalismo—, amosou con crueza a súa incapacidade para resolver os problemas da Humanidade. Nunca houbo na época contemporánea —considerando a inmensa maioría do planeta, en distintos grados e profundidade—, máis desemprego, precariedade e miseria, máis desprazamentos migratorios pola guerra e a fame, máis destrución ambiental, máis atomización, desintegración social e impotencia institucional para cambiar as cousas que no momento actual. A vitoria do Capitalismo non logrou a ansiada fin da historia nin o mundo feliz liberal, como proclamaban Huxley ou o neo-conservador Fukuyama.

En troques, ao que estamos asistindo na actualidade, con todos os matices e relativismos que se queiran, é á descomposición do mundo fraguado ao final da II Guerra Mundial. Os cambios máis importantes inícianse na década dos 70 do pasado século coa implantación agresiva do modelo neoliberal, continúan coa aparente vitoria da caída da URSS en 1991 e rematan (provisionalmente) coa última Gran Crise da que aínda non nos recuperamos, doce anos despois. Pero o statu quo alterouse de forma radical nos últimos anos. Se hai trinta anos, o poderío occidental era incontestábel, cun EE.UU. hexemónico apoiado de forma unánime polos seus aliados europeos, esa situación estase invertendo co ascenso imparábel de China, ás portas de converterse na primeira potencia económica mundial. Se a este importante feito engadimos o rexurdimento de Rusia como gran potencia xeo-estratéxica e a reformulación das alianzas das nacións emerxentes polarizadas cara unha Eurasia liderada por Rusia e China, o que resulta é unha configuración mundial moi distinta da que auguraban en occidente analistas da talla de Zbigniew Brzezinski[i].

Ao que estamos asistindo na actualidade, con todos os matices e relativismos que se queiran, é á descomposición do mundo fraguado ao final da II Guerra Mundial

Ese declive, inevitábel dende o punto de vista histórico, viuse acelerado pola transformación do primeiro capitalismo industrial na súa actual formulación neoliberal, de carácter eminentemente financierista, propiciando a acumulación de capital máis intensa xamais vista, sen que esa acumulación se transformase na creación de economía real. Un dato que que corrobora este aserto é o facilitado polo Instituto de Fusións, Adquisicións e Alianzas (IMAA)[ii], que estima que entre 1985 e 2018 o monto de absorcións de empresas no ámbito mundial elevouse a 73 billóns de dólares, dos cales 40 billóns executáronse só entre 2007 e 2018. Se pensamos que a riqueza mundial material actual (non só a produtiva sinalada polo PIB) alcanza a astronómica cifra de 317 billóns de dólares e que o 9,5% da poboación mundial posúe o 84% desa riqueza[iii] poderemos albiscar cal é o verdadeiro estado da cuestión. Pero o dato que amosa o carácter irracional do capitalismo neoliberal é o que acontece co mercado de derivados. Segundo o BIS[iv], a alta enxeñaría financeira —á marxe da economía real— alcanzaba en 2018 a cifra de máis de 700 billóns de dólares, nove veces o PIB mundial, o verdadeiro termómetro que marca a economía real: a relacionada coa produción e o emprego, coa vida da inmensa maioría da xente en definitiva. Un eventual colapso deste mercado ficticio, nada improbable a dicir dos expertos, sería catastrófico para a economía real mundial, e esa posibilidade parece cada vez máis próxima.

Este negro panorama, amosa un desequilibrio suicida entre a economía real e as tramas financieristas que controlan a economía global, traducíndose, en primeiro lugar, nunha confrontación interna no seo do propio capitalismo internacional. O máis interesante é que esa confrontación tamén se produce no ámbito mundial entre o modelo neoliberal e intervencionista anglo-norteamericano e o modelo de cooperación internacional liderado por China, Rusia e os países adscritos ao Movemento de Países Non Aliñados, ultimamente en ascenso, despois dun longo letargo. Os elementos externos máis sobranceiros desta crise latente son o Brexit e a elección de Tump en EE.UU., indicadores poderosos de que algo está cambiando. Ante esta secuencia de acontecementos non resulta estraño que o presidente Macron recoñecese no G-7 que estabamos asistindo ao fin da hexemonía occidental, prognóstico que Vladimir Putin, durante a celebración do Foro Económico de Oriente en Vladivostok neste mes de setembro, avaliou como atinado ao sinalar que a fin do liderado occidental era irreversíbel. Iso significa que a orde mundial tal como a coñecemos, coas súas estruturas internacionais como a ONU o BM, o FMI e outros organismos, xa non reflicten o actual estado da situación e que é cuestión de tempo, quizais de pouco tempo, que todo comece a cambiar. O que resta por saber é se eses cambios se producirán en paz ou se as elites prefiren baixar ao inferno.

Verín, setembro de 2019

[i] Brzezinski, Zbigniew. El gran tablero mundial. La supremacía estadounidense y sus imperativos geoestratégicos. Editorial Paidós. Barcelona, 2008

[ii] Institute for Mergers, Acquisitions and Alliances, Zurich (Suíza)

[iii] Global Welth Report 2018. Credit Suisse Research Institute

[iv] Bank for International Settlements, Basilea (Suíza)

Comentarios