Opinión

Polos camiños da terra. Viaxes literarias da man de Manuel María

O amigo Manuel Vilar, Presidente do Museo do Pobo Galego, encetaba a súa última colaboración neste xornal citando a dous clásicos: Vicente Risco e Otero Pedrayo. Facíao en relación a publicacións recentes “que animan a percorrer o país e a ter máis elementos para ler a paisaxe construída”. Quero eu hoxe traer a esta páxina outro clásico da nosa literatura e, tamén, do coñecemento empírico do noso territorio.

Manuel María gostaba de “percorrer unha por unha/todas as parroquias de Galiza/lugares e casais,/andar porta por porta,/dialogar persoa a persoa/face a face...” E así o fixo durante toda a súa vida. Desa experiencia de gastar o corpo nos camiños saíron textos literarios -tanto poéticos como narrativos ou xornalísticos- que mostran unha ampla cultura, querencia polo país e autenticidade. A súa obra está fortemente vinculada ao territorio con referencias constantes a espazos físicos concretos e mesmo con poemarios dedicados por enteiro a vilas galegas (Santiago de Compostela, Monforte, Outeiro de Rei, O Carballiño, Foz, O Barco de Valdeorras, Pantón, Quiroga ou Manzaneda); outros a comarcas como a Terra Chá; obras narrativas referenciadas en Outeiro de Rei, na Terra Chá ou nas cidades galegas históricas máis importantes (Lugo, Ourense, A Coruña, Compostela, Pontevedra, Tui, Betanzos e Mondoñedo); centos de colaboracións xornalísticas referidas a distintos elementos do patrimonio artístico, cultural, xeográfico, etnográfico ou natural.

Desde a Fundación e Casa-Museo Manuel María ofrecemos agora este riquísimo caudal, con libre acceso na internet, a toda persoa que desexe coñecer o país indo da man dos textos literarios de Manuel María. De xeito moi simple, trátase de, valéndose das tecnoloxías TIC actuais, describir puntos de interese cultural, paisaxístico, artístico, etnográfico, histórico... e asociarlles os textos literarios que Manuel María creou sobre eles, ademais dunha galería fotos, audios e vídeos relacionados con eses lugares e con eses textos, incluíndo o seu recitado ou leitura.

Isto supuxo, por unha parte, o desenvolvemento dunha aplicación web que, mediante un mapa interactivo, permite navegar polos lugares de interese literaturizados por Manuel María, adaptando os contidos ás dimensións tanto de ordenadores como de dispositivos móbiles.

Ofrecemos agora este riquísimo caudal, con libre acceso na internet, a toda persoa que desexe coñecer o país indo da man dos textos literarios de Manuel María

Por outra parte está o inmenso traballo de incorporación a esa aplicación web dos contidos vinculados á obra de Manuel María referidos a eses puntos de interese no ámbito galego e internacional. Este proceso comportou un meticuloso traballo de identificación da toponimia presente na totalidade do corpus literario de Manuel  María, que posibilitou a introdución dun conxunto de metadatos sobre cada un dos lugares de interese xeorreferenciados.

Esta obra colectiva está desenvolvida por unha equipa de persoas que combinan o coñecemento do territorio co da obra de Manuel María como é o caso de Adela Leiro, Mon Daporta, Felipe Senén, Xosé Estévez, Xosé Lois García, Flora Enríquez, Xavier González, Manuel Rajo, Orlando Viveiro, Manuel Agra e Armando Herrero, baixo a coordinación de Antón Laxe e eu mesmo.

O proxecto é ambicioso e de longo percorrido. Rematamos a súa primeira fase coa axuda do Fondo Xacobeo 2021 (a construción da ferramenta informática), estamos a completar a segunda (introdución do contido relativo a cada punto de interese) e temos deseñada a terceira: ofrecemento de rutas literarias partindo deses puntos de interese. Mais, mentres que iso non se produce, xa podedes aproximarvos ao proxecto neste enlace: http://roteiros.casamuseomanuelmaria.gal
A literatura é capaz de trasladarnos a lugares insospeitados e sen máis confín que o da imaxinación de quen a escribiu e da persoa lectora. Desde sempre a literatura tamén é un xeito de viaxar, aínda que tan só sexa coa imaxinación. Mais tamén podemos vincular esa viaxe mental e literaria a espazos físicos concretos para percorrer os 

“camiños ledos e amados”:
Camiños, camiños vellos...
Camiños anchos, estreitos.
Arquivos, cinzas, espellos!
Memorias de moitos feitos!

En definitiva, un convite a coñecer o país, querelo e soñalo... con Manuel María.

Comentarios