Opinión

A Casa-Museo Manuel María

F oi en Outeiro de Rei onde, hai noventa anos, naceu Manuel María, sendo tamén nesa localidade, na súa casa natal, onde hoxe está a súa Casa-Museo. Despois do seu falecemento no ano 2004 na cidade da Coruña, algunhas amizades do escritor, sempre acompañadas de Saleta, decidimos emprender a tarefa de adquirir a súa casa natal e reunir alí todo o seu legado, constituíndo para iso a Fundación Manuel María de Estudos Galegos, declarada de "interese galego" no ano 2007. Eran tempos moi difíciles, tempos de crise. Mais, sendo un proceso moi dificultoso, desenvolveuse nun prazo moi limitado. O día 7 de setembro de 2013 estabamos realizando a súa inauguración, con todo o seu legado xa unificado, despois das xestións realizadas coas institucións que eran titulares dunha parte del: a Real Academia Galega, a Facultade Filoloxía Galega da Universidade da Coruña e o Museo Provincial de Lugo dependente da Deputación desa provincia. Producírase un pequeno milagre.

Mais, que é o que explica ese pequeno prodixio de converter unha casa que abriga persoas nunha casa que abriga un proxecto poético e cultural?

Á altura do seu falecemento, Manuel María acadara certa notoriedade social na medida que xa vencera a minusvaloración daquelas persoas e sectores que non lle consentiran un compromiso tan claro con Galiza. Mais o feito de que un escritor ou escritora goce de popularidade e recoñecemento no momento de crear a súa obra, non parece ser suficiente para lograr a súa permanencia na sociedade unha vez desaparecido fisicamente. Toda obra literaria ou, en xeral, artística, só se mantén viva no tempo se unha sociedade, ou un sector da mesma, se identifica con ela e, dalgún modo, ve reflectido o seu xeito de ser e de estar no mundo ou as súas aspiracións colectivas. Neste sentido, a obra de Manuel María é rotunda. Unha obra coherente que acompaña unha traxectoria persoal coherente: un empeño máximo por crear un corpus literario no que Galiza se mostre como un pobo digno e con futuro no concerto das nacións do mundo e unha disposición, no plano persoal, ao sacrificio e a renuncia para que ese ideal se faga viábel socialmente.

Por tanto, foron sen dúbida a obra e a personalidade de Manuel María as artífices esenciais deste logro: o aprecio pola súa obra, o recordo moi vivo da súa bonhomía e o recoñecemento pola súa entrega a Galiza e a todas as causas xustas, mobilizaron vontades para a construción do proxecto e disolveron dificultades económicas e non menos problemas burocráticos.

É obvio que non todos os escritores e escritoras arredor de quen se ten constituída unha Casa-Museo representan os mesmos valores que acabo de enunciar, nin artísticos nin persoais, mais si teñen en común que a súa obra resulta relevante para un sector social significativo. E nisto, apenas vexo excepcións.

Que a morada dun escritor ou escritora se converta en Casa-Museo entra dentro da batalla pola memoria, da loita contra o esquecemento, da loita por aquilo que lle sigue sendo útil e funcional a unha sociedade. A Casa-Museo convértese, pois, nun instrumento para que unha sociedade e os seus individuos desfruten do dereito a que as mellores producións literarias permanezan no tempo e sigan alimentando e orientando as novas xeracións.

A casa é o abrigo e conforto primario para quen a habita; ela é a que nos protexe das continxencias. Mais cando se converte en casa-museo pasa a ser o abrigo colectivo para quen quere habitar a cultura e un instrumento de protección fronte á continxencia da desmemoria e a ingratitude. O espazo físico e privado pasa a ser espiritual e público pois a colectividade conta alí con un inmóbel e innúmeros elementos que evocan unha vida e unha obra da que sentimos orgullo e nos serve de referencia.

Por tanto, cando recollemos un legado como o de Manuel María e o poñemos a disposición pública na súa Casa-Museo, é evidente que estamos homenaxeando á persoa que o creou e, por tanto, agrandando a súa figura. Mais realmente o fundamental é que estamos ensanchando o acervo cultural do pobo galego que pode facer seus os soños e as loitas, as alegrías e tristuras, as vitorias e derrotas que os obxectos e documentos desa casa evocan e así seguir construíndo unha Galiza máis galega e máis culta.

Comentarios