Opinión

Galiza 1979. Historia dunha foto

Twitter é un pim-pam-pum constante, un terreo hostil, como un bar dun filme do Far West: cando cruzas aquelas dúas portas batentes sabes que aquilo pode acabar a puñadas e cadeiras estampadas contra as túas costas. Alí reina o sarcasmo e o mal xenio. Así que se o pianista deixa de tocar esperando que digas algunha cousa, máis vale que sexas enxeñoso e mordaz, ou non cho perdoarán.

Mais é moitísima a información que corre, eu recoñezo que estou enganchado como fonte de noticias e de recomendacións. E mesmo, ás veces, tamén serve de rede que conecta persoas e coñecemento, que era a idea máis nobre con que se presentaba esta aplicación. Isto foi o que aconteceu hai cousa dun mes. O compañeiro do BNG, Néstor Rego, envioume unha noticia do xornal Nós Diario sobre un libro compilador de Maria Mercè Marçal. O xornal facíase eco porque este volume contén principalmente unha serie de crónicas de Marçal, publicadas orixinalmente en galego no xornal A Nosa Terra, sobre a actualidade política dos Països Catalans nos anos 1979 e 1980. Unha edición de Comanegra a cargo de Helena González e Pere Comellas, que agora que xa reabriron as librarías foi o primeiro libro que merquei.

Chamoume moito a atención a foto que ilustraba a noticia e que despois achei dentro do libro. É obra de Xan Carballa e pertence ao arquivo fotográfico de A Nosa Terra. Era a foto do Día da Patria Galega de 1979, o día que ficharon a Marçal como cronista. Recoñecín algunhas caras, ademais da de Marçal, mais subina a Twitter e a partir de aquí descifráronse máis rostros. Todo aquilo mergulloume na serie de historia que contiña aquela instantánea conxelada. Fíxome pensar que levaba aqueles e aquelas militantes a estar sostendo unha pancarta, que viñan de facer e a onde irían as súas traxectorias vitais e políticas.

Marçal destacaba na súa vontade de combinar as loitas nacionais, de clase e feministas. Á Galiza acudía como representante do PSAN, mais non pasaría nin medio ano antes de que este partido rompese pola metade e acabase saíndo o sector que, como Marçal, daría soporte á candidatura de Nacionalistes d’Esquerra ás primeiras eleccións ao Parlamento de Catalunya. Uns resultados decepcionantes significaron a crise dun proxecto que nacera con moita forza. Marçal acabaríase desvinculando ao cabo de poucos anos.

O outro sector do PSAN, que continuou coas siglas, tamén está presente na foto na persoa de Josep Guia. El estivera no primeiro núcleo independentista no País Valencià, que constituíra a primeira célula do PSAN cinco anos antes, en 1974. A delegación catalá tamén contaba coa presenza de IPC e por iso na foto aparece Llum López e Agustí Alcoberro. A primeira, Joana -nome da clandestinidade-, era neta dun exiliado republicano, dunha banda e, da outra, o seu pai chegara de Melilla cos franquistas. De clase traballadora e do barrio de Sant Andreu de Barcelona. Alcoberro era de Nou Barris e, con só 20 anos naquel verán, xa representara o partido nalgunhas reunións internacionais das organizacións da Carta de Brest, un espazo de coordinación de diversos movementos independentistas: o catalán e o galego ao carón do vasco, o irlandés, o galés, o bretón, o occitano, o corso e o sardo. Os catro con traxectorias militantes xa no antifranquismo que os implicaran en diversos casos represivos. Guia xa fora detido dúas veces e Alcoberro aos 15 anos xa visitara os calabozos infernais de Via Laietana, torturado e acusado de terrorismo. O independentismo catalán era un baluarte, pequeno mais firme, que conectaba as reivindicacións do antifranquismo coas loitas contra as continuidades que mantiveran a transición, e que aínda duran.

O independentismo vasco contaba con máis forza e por iso Herri Batasuna conseguira moi bos resultados nas eleccións ás Cortes daquel ano 1979. Na foto aparece Telesforo Monzón, que fora conselleiro do Goberno vasco en tempos da guerra, exiliado durante 40 anos e que, ao voltar, fora inspirador e alma da fundación de HB. Na foto tamén sae Jokin Gorostidi, outro fundador de HB que anos antes fora xulgado no Proceso de Burgos. E representantes bretóns, palestinos, chilenos e sandinistas, que acababa de tomar o poder seis días antes! Cando ache os seus nomes, comprométome a unha segunda parte deste artigo.

Comentarios