Opinión

Todas as mulleres do presidente

“Siga o rastro dos cartos”. Seguindo as instrucións de ‘Garganta Profunda’, Robert Redford e Dustin Hoffman poñíanlle a cara bonita á face máis fea da política no filme de Alan Pakula que relata a máis famosa investigación xornalística da historia, o caso ‘Watergate’, en Todos os homes do presidente. O poder, os cartos, a fontanería política e a súa turbia relación co xornalismo conforman a aura do relato de calquera Goberno... e, non queda dúbida, son cousa de homes: os homes que mandan no home que máis manda.

O imaxinario colectivo, con moita lenda, por non chamarlle conto, creado en torno aos despachos presidenciais, outorga un papel protagonista aos vicerreis democráticos que moven os fíos entre bastidores, sempre con rostro masculino. “Iván Redondo, o home de Pedro Sánchez”. En distintas versións, o masculino atributo presidencial acompaña o nome do xefe do gabinete da Presidencia do Goberno de España nunha procura rápida en Google. Cun atractivo produto máis da endogamia xornalística que do interese social, o consultor político tense convertido nun dos rostros recoñecíbeis do Executivo estatal, e a súa traxectoria profesional queda retratada en non poucos artigos da prensa de Madrid.

Redondo é unha desas figuras que xeran paixóns na metapolítica, e os medios de comunicación dan boa conta do fenómeno: “O home que levou Sánchez á Moncloa”, “o cerebro da moción de censura”, “o visionario”, “o estratega”...  Así se constrúe un referente.

O tirón mediático do xefe da fontanería do Goberno socialista non sorprende. Os catro premios Oscar á cinta de Pakula dan fe do moito que nos gustan todos os homes do presidente. E porén resulta reveladoramente indignante o pouco que nos interesan todas as mulleres do presidente, coa única excepción de se se deitan con el.

O sorpasso frustrado de Podemos ao PSOE deixaranos para sempre coa intriga de se Irene Montero tería sido para a prensa “a muller de Pablo Iglesias” de chegar este á Moncloa cando ela dirixía o seu gabinete, ou se ese título no caso das asesoras -en feminino- só se gaña pasando pola vigairía -ou tres veces polo paridoiro.

Tal vez só foi unha confusión semántica -“a muller do presidente”- a que levou os editores dos medios de comunicación galegos a facer de Eva Cárdenas, ex directiva do grupo Inditex, a protagonista feminina das galerías de fotos da última toma de posesión de Núñez Feixoo. Imaxes nas que non aparecen as únicas mulleres do presidente que, seguindo o patrón Redondo, deberían ser noticia, as que sosteñen a súa omnipresencia na política galega. Mulleres como Mar Sánchez Sierra, secretaria xeral de Medios da Xunta da Galiza; Isabel Figueira, xefa da Secretaría Xeral Técnica da Presidencia; ou Marta Varela, directora xeral do Gabinete de Feixoo, vólvense transparentes ante os obxectivos das cámaras de prensa.  Discreción persoal aparte, que a priori non temos porque negarlla tampouco a Redondo, os medios de comunicación galegos esquecen as mulleres do presidente.

Elas, que atesouran boa parte do peso na toma de decisións do máximo dirixente galego, son nomes silenciados, rostros irrecoñecíbeis para o común da cidadanía. O seu anonimato non sería motivo da máis mínima preocupación se, coa mesma facilidade que as súas referencias, Google esquecese as mencións ao outfit de Eva Cárdenas na noite electoral. Se unha xefatura de gabinete contase tanto -e unha relación sentimental tan pouco- se a ten Montero como se a ten Redondo. Se mentres Merkel e May xestionaban a maior crise de Europa dos últimos tres cuartos de século, a súa aparencia física non seguise a ser protagonista. Se non se invisibilizase ás mulleres con poder mentres se gastan ríos de tinta en identificar os aspectos máis banais da súa figura, aqueles sen maior interese que o puro atrezzo. Se “todas as mulleres do presidente” puidese ser un titular máis alá da crónica rosa. Se os referentes non se limitasen sempre ao premio á mellor interpretación masculina.

Comentarios