Opinión

Matilda en mandilón

O último 14 de marzo da vella –e infravalorada- normalidade as fiestras e balcóns de todo o país enchíanse por primeira vez de aplausos. Por convicción, curiosidade ou aburrimento de novatos en pandemia, a sociedade civil asomábase ás rúas sen saír da casa e aplaudía o labor do persoal sanitario que vivía desbordado dende había xa, como mínimo, varias xornadas.

Poucos días despois, as redes sociais de nais e pais –que tamén comezaban xa a desbordar- viralizaban mensaxes nas que falaban de que o aplauso diario debía ser para o profesorado aínda máis que para o persoal sanitario. Abondaron moi poucas semanas para que todos os fogares con cativada comezasen a botar en falta as mestras aínda máis que a parentela. Probablemente as razóns deste primeiro recoñecemento, que aínda con categoría de chiste xa esbozaba certas liñas de reflexión, fosen espurias. Máis vinculadas á apisonadora da sociedade produtiva que á fe na educación universal e igualitaria. Pero comezaba a tomar forma o aplauso moral.

A tardanza en recoñecer o labor esencial das profesionais da educación (o 66% das educadoras no ensino non universitario en España son mulleres) lembra en certo modo ese efecto Matilda contra o que se veñen de rebelar, precisamente, moitas escolas. Matilda tamén viste mandilón de mestra. A pandemia condecorou coa categoría de esenciais os traballadores da sanidade, a alimentación ou a limpeza. E o confinamento que trouxo consigo ratificou que o profesorado tamén o era, aínda que non lle tivésemos aplaudido.

Cando estamos a piques de cumprir un ano daquel primeiro aplauso xa ninguén debería dubidar de que os colexios, que durante máis de medio ano estiveron clausurados, son centros de vacinación contra moitos outros grandes males dos que adoece a nosa sociedade. Canto pulo debemos inxectar aínda na educación –pública, universal, gratuíta, igualitaria!!- se queremos formar adultos do futuro íntegros que reneguen da falta de ética que tamén deixa como secuela esta pandemia. Adultos do futuro que leven aprendido dende a escola que os dereitos colectivos prevalecen sobre os individuais, non só nas crises, senón sempre; que o respecto mutuo salva vidas e que todas as vidas valen o mesmo –ou deberan-.

Tal vez as mestras, que amosan cada día dende que voltaron ás aulas o seu compromiso coa profesión, consigan inculcar a importantísima lección da igualdade social que está a suspender o mundo neste ano de pandemia. Para que a vindeira pandemia –que a Historia é cíclica tamén se aprende na escola- sexa como pouco menos clasista que a actual, na que aqueles que levan toda a vida afeitos a vivir sen privilexios respectan as normas que coidan do ben común, mentres os caraduras con mando en praza -prazucha as máis das veces- se autoerixen por riba do ben e do mal. Só a mediciña da educación pode previrnos de mandatarios de medio pelo coándose no reparto de vacinas; negacionistas que confunden criticismo e egoísmo; ou empresarios sen escrúpulos que venden saúde ao mellor postor.

Tal vez na vindeira pandemia poderáselles atribuír a estas outras matildas ese logro. Polo de pronto, o exame que xa teñen superado o profesorado e o persoal auxiliar dos centros de ensino é o de predicar co exemplo. As comunidades escolares están a demostrar que o esforzo colectivo polo ben de todos funciona. As voces expertas sinalan o baixo nivel de transmisión interna nos centros educativos. Neles, aqueles que forman parte deste sistema comproban diariamente como o profesorado cumpre con rigor – e consigue humanizar á vez- uns  protocolos sanitarios infantís que non asume gran parte da poboación adulta. E os bos resultados non poden atribuírse só á menor infecciosidade dos nenos senón á tarefa de prevención nas escolas. Nesas escolas que en Galicia levan xa cinco meses dando clase coas fiestras abertas capeando non o temporal, senón un tren de borrascas tras outro. E mentres, manter ventilado o comedor semellaba unha odisea nas celebracións caseiras de Nadal. Cuestión de educación.

Comentarios