Opinión

A propósito do roubo do electricista e as esmolas

Rematou o xuizo do Códice Calixtino e a sentenza ordea a devolución á Igrexa de 2,4 millóns de euros roubados. Unha parte pequena dos ingresos que tiña a Catedral procedente das doazóns feitas polos fregreses. A sentenza parece que lle dá un tirón de orellas ao cabido compostelá polo descontrol contabel existente mais, aínda non sendo o obxecto do xuizo, compre falar un chisquiño de esmolas e outros contos. 

Rematou o xuizo do Códice Calixtino e a sentenza ordea a devolución á Igrexa de 2,4 millóns de euros roubados. Unha parte pequena dos ingresos que tiña a Catedral procedente das doazóns feitas polos fregreses. A sentenza parece que lle dá un tirón de orellas ao cabido compostelá polo descontrol contabel existente mais, aínda non sendo o obxecto do xuizo, compre falar un chisquiño de esmolas e outros contos. 

"A sentenza parece que lle dá un tirón de orellas ao cabido compostelá polo descontrol contabel"

Os Acordos da Santa Sé co Estado asinados en 1979 efectivamente contemplan, non xa unha exención, senon directamente a non suxeizón a impostos das prestacións, colectas públicas, esmolas e oblacións recibidas dos seus fieis asi como dos centros adicados ao ensino e os edificios e obxectos destinados ao culto ou a residencia relixiosa.  Esta amplísimo recoñecemento dun espazo á marxe da solidariedade tributaria non se acompaña de ningún tipo de control contabel facilitando unha total opacidade sobre a procedencia, destino ou contía difícilmente sostibel hoxendía. 

Mesmo se non se discutira a necesidade dese amplo recoñecemento de espazo inmune á fiscalidade xeral en base á protección da libertade relixiosa, non é tolerabel a ausencia dunhas mínimas normas de transparencia contabel que se aplican a outros suxeitos cunha posición constitucional cando menos equivalente.  Lembremos que a liberdade ideolóxica e relixiosa comparten un mesmo artigo na Constitución e que a participación política vese reforzada por outros dereitos fundamentais (reunión, asociación, participación nos cargos públicos).

"Non é tolerabel a ausencia dunhas mínimas normas de transparencia contabel que se aplican a outros suxeitos cunha posición constitucional cando menos equivalente". 

Sen ir máis lonxe só hai que botar unha ollada á Lei orgánica de financiamento dos partidos políticos. A Lei suxeita os ingresos dos partidos políticos á normativa fiscal e prevé algunhas exencións para as doazóns privadas. Exencións que teñen límites severos en función da contía, procedencia e forma de efectivizarse. Non poden recibirse doazóns procedentes de empresas ou fundacións que contraten ou vivan do orzamento público. Non poden ser anónimas, finalistas ou revogabeis. Ten que haber constancia bancaria dos ingresos e da procedencia. Non poden superar os 100.000 euros anuais e deben notificarse ao Tribunal de Cuentas nun prazo de tres meses todas as que superen os 50.000 euros. E toda a contabilidade está suxeita a unhas estritas normas en canto á forma de levanza.

A asimetría no rexime xurídico non resiste a comparanza.  E non parece precisamente que o que sobren sexan as normas contabeis e límites no caso dos partidos políticos senon a clamorosa omisión de control deses millóns de euros en b nos que a administración tributaria acepta que non ten sequera que saber cantos son, cal é a súa procedencia e se realmente se destinan a fins relixiosos ou non para a súa non suxeizón estar xustificada.  Os Acordos coa Santa Sé, tamén nisto, precisan unha relectura xa non só á vista do texto constitucional senon mesmo voltando a Guillermo de Ockham.

Comentarios