Opinión

Furiosa recentralización. Plácida aceptación?

Aínda hai quen quere pechar os ollos á evidencia. Unha furiosa actividade de recentralización que non ten freo

grafic1
photo_camera grafic1

Aínda hai quen quere pechar os ollos á evidencia. Unha furiosa actividade de recentralización que non ten freo. Unha recentralización ao servizo dun proxecto político económico e social do que non se quere deixar fóra a ninguén, nin admitir poderes díscolos.

Un control orzamentario centralizado coa disculpa da estabilidade orzamentaria. Un control do modelo de servizos públicos mediante a limitación de crecemento de persoal coa taxa de reposición de efectivos e, tamén, coas reformas educativa, sanitaria, da dependencia, local.

Modificacións normativas extensivas que desfiguran o marco competencial autonómico convertíndoo nunha caricatura: dende a vixianza da actividade exterior dos gobernos autonómicos, ata a Lei de Garantía de unidade de mercado con fórmulas de dubidosa constitucionalidade que tratan de recortar garantías aos consumidores, ambientais sacrificadas no altar da sacrosanta competencia ao servizo das grandes corporacións; dende a conversión das deputacións nun contrapoder coa reforma local ata a LOMCE que lamina as competencias lingüísticas e educativas autonómicas. A invasión competencial posta ao servizo da reforma económica e social. Sen freo e co acelerador pisado.

Estas dúas gráficas son significativas. Aínda que o goberno Feijóo está instalado nunha plácida aceptación da aniquilación do autogoberno, a conflitividade entre o Estado e as comunidades autónomas acada agora picos históricos.

O conflito competencial é grande. As ameazas ao autogoberno tamén o son e non poden desligarse do proxecto social e político que as acompañan. O Partido Popular aniquila o autogoberno para aniquilar tamén calquera posibilidade de políticas diferenciadas.  O Partido Popular liquidando o autogoberno tamén fire de morte o cerne das políticas autonómicas -sanidade, servizos sociais, educación- e unifica a aposta privatizadora.

Galiza estivo ausente na reunión desta fin de semana na que os presidentes catalá e vasco denunciaron a recentralización e marcan un camiño novo para as súas sociedades. Outras comunidades autónomas tamén din basta. Interpoñen recursos fronte ao copagamento sanitario e a retirada da tarxeta sanitaria, fronte á Lei de Costas privatizadora do dominio público, fronte á LOMCE, fronte á Lei de reforma local, fronte á Lei de Unidade de Mercado...

O goberno central teima na súa política e retruca. Recursos do Estado ante o Tribunal Constitucional contra políticas autonómicas como a poxa farmacéutica para abaratar os medicamentos, as medidas para impedir os desafiuzamentos, as normas para protexeren a cidadanía fronte aos copagamentos, as prohibicións autonómicas do fracking, as convocatorias de oposicións para o emprego público docente, as normas de horarios comerciais que impiden a apertura indiscriminada das grandes superficies...

 Aínda que o goberno Feijóo está instalado nunha plácida aceptación da aniquilación do autogoberno, a conflitividade entre o Estado e as comunidades autónomas acada agora picos históricos.

E mentres Rajoy leva adiante a súa cruzada recentralizadora e outras comunidades autónomas loitan por defenderen o seu precario marco competencial ou dan por pechado o ciclo autonómico no camiño da soberanía, Feijóo entre 2011 e 2013 non atoupou motivo ningún para interpoñer recursos en defensa das nosas competencias. Nin fronte á Lei da cadea alimentar que invade as competencias exclusivas en agricultura; nin contra a de reforma local que invade as competencias exclusivas en servizos sociais; nin a do sector eléctrico... Un botaporela.

O caso do custe da enerxía que puxo en risco o emprego en Alcoa, Megasa... -mentres Euskadi negociaba un prezo da enerxía que favorecía a súa industria- non é a excepción. É unha mostra máis dun presidente que vive de facto en Madrid e vén a Galiza a dar a rolda de prensa dos xoves. É a mostra tamén, do papel que queren que xoguemos. Despensa, produtora de enerxía, fabricante de emigrantes. E como di a publicidade natalista de Feijóo: Depende de ti.

De nós. 

Fonte das gráficas: MHAP, CONFLICTIVIDADE ENTRE O ESTADO E AS COMUNIDADES AUTÓNOMAS (Boletín Informativo) SEGUNDO TRIMESTRE 2014 
http://www.seap.minhap.gob.es/dms/es/areas/politica_autonomica/regimen_juridico/2_trimestre_2014-publicaciones.pdf

Comentarios