Opinión

Autonomía tutelada

As autonomías voltaron á minoría de idade como a nena de Rajoy.  Sucédense cambios normativos para someter ás comunidades autónomas a tutelas centrais reducindo o seu ámbito de decisión política e convertíndoas en relaxados negociados administrativos expendedores das receitas do poder único. 

As autonomías voltaron á minoría de idade como a nena de Rajoy.  Sucédense cambios normativos para someter ás comunidades autónomas a tutelas centrais reducindo o seu ámbito de decisión política e convertíndoas en relaxados negociados administrativos expendedores das receitas do poder único. 

O proxecto de lei de Garantía da Unidade de Mercado, como o anteproxecto de lei de Tratados, o de Acción Exterior e do Servizo Exterior ou o Real Decreto 515/2013, de 5 de xullo, polo que se regulan os criterios e o procedemento para determinar e repercutir as responsabilidades polo incumprimento do Dereito da Unión Europea, fixan mecanismos de veto unilateral estatal a decisións autonómicas.

Co proxecto de lei de Garantía da Unidade de Mercado o goberno central pretende coñecer e vetar con carácter previo todas as normas autonómicas que poidan ter efecto no extensísimo concepto de "mercado".

Co proxecto de lei de Garantía da Unidade de Mercado o goberno central pretende coñecer e vetar con carácter previo todas as normas autonómicas que poidan ter efecto no extensísimo concepto de "mercado".  Mutílase a posibilidade de dispor de normas diferenciadas froito das políticas propias ao establecer que calquera actividade económica poderá desenvolverse en calquera punto do Estado sen posibilidade de ser sometida a novos requerimentos (de seguridade, ambientais, lingüísticos, laborais...) no exercicio das competencias propias.  Ademáis do previsibel "dumping" normativo, elimínase de forma radical a capacidade normativa autonómica e habilítase á gubernamental nova Comisión Nacional de los Mercados y la Competencia para recorrer, como non podía ser menos, ante a Audiencia Nacional frente a calquera norma ou acto que entenda que impide a unidade de mercado.

No capítulo das margalladas únense á resesa defensa de Xibraltar dous proxectos normativos para limitar a acción exterior autonómica. Por un lado, as comunidades autonómas terán que pedir permiso para asinar todo tipo de acordos internacionais nos ámbitos das súas competencias, por exemplo, para consolidar Ponte nas Ondas como experiencia cultural conxunta entre Galiza e Portugal.  Por outro, preténdese obrigar a pedir autorización do goberno central para a apertura de oficinas de negocios e conseguir o nihil obstat previo das viaxes do Presidente da Xunta ao exterior.  A ver se coa bendición madrileña acaba conseguindo, por fin, cambiar planeadoras por floteis.  Igualmente o Consello de Ministros vai determinar unilateralmente quen debe pagar polos incumprimentos do dereito da UE.  

Parece claro que as voces que siguen insistindo en que estamos na panacea do estado descentralizado e nun nivel de autonomía política sen parangón, rozan o delirio e pechan os ollos ante a intensísima involución recentralizadora.  O camiño da recentralización unitaria é inexorabel e non está disposto a admitir medias tintas.

Por un lado, as comunidades autonómas terán que pedir permiso para asinar todo tipo de acordos internacionais nos ámbitos das súas competencias, por exemplo, para consolidar Ponte nas Ondas como experiencia cultural conxunta entre Galiza e Portugal.

Atrás quedan os principios de lealdade institucional e a pretendida resolución dos conflitos polo Tribunal Constitucional. A ofensiva é de tal natureza que o PP busca métodos máis expeditivos que agardar á dócil, mais lenta, xurisprudencia do Tribunal Constitucional (TC).  Mesmo despois de ter practicado un asalto institucional a este órgano inzándoo de maxistrados con carnet e/ou obediencia orgánica, a posibilidade deste tribunal suspender as normas autonómicas -ou as meras declaracións institucionais como vén de facer recentemente coa do Parlament de Cataluña- mentras non dita sentenza, non resulta garantía dabondo para as insaciabeis máquinas de recentralización estatal.  Precisan un control "ex ante" que lle permita ao Consello de Ministros vetar decisións autonómicas pervertindo a engranaxe constitucional.

A diferencia entre a autonomía política autonómica e a autonomía administrativa dos entes locais residía precisamente en que o autogoberno autonómico fundamentábase na súa capacidade lexislativa para dotarse dun sistema institucional e político no exercicio das competencias propias.  Porén a devaluación do ámbito competencial autonómico foi sofrendo ataques sucesivos que quebran definitivamente a ficción do estado autonómico como espazo para integrar a vontade de autogoberno vasca, catalá e galega.  A profundísima desfiguración das competencias autonómicas a través de títulos competenciais transversais estatais como a ordenación xeral da economía, o réxime xurídico das administracións, as bases en materia enerxética, ambiental, de augas, o a lexislación básica civil, mercantil, laboral foi un primeiro chanzo para coutar o desenvolvemento autonómico.  A recentralización competencial de facto  co ingreso na UE ao ser impermeabel o Reino de España á participación autonómica na elaboración da posición estatal e na negociación en Bruxelas (como si fai Bélxica), un paso máis. A inestimabel colaboración da xurisprudencia do TC, que nos últimos tres anos experimenta un aínda máis acentuado ritmo de recentralización competencial mesmo en cuestións nas que existía xurisprudencia previa máis favorabel ás comunidades autónomas, pecha o círculo. Un exercicio pacato, tamén, do autogoberno autonómico por parte de gobernos encabezados por PP e, moitas veces PSOE, rápidos en ceder ante calquera reclamación do poder central son os elementos que lle dan remate a esta ficción.

"Preténdese obrigar a pedir autorización do goberno central para a apertura de oficinas de negocios e conseguir o nihil obstat previo das viaxes do Presidente da Xunta ao exterior". 

Paradoxos da vida que se proclame constitucionalista un partido como o PP ao que lle chegan os artigos 2 e 135 da Constitución española.  O PP exerce con decisión desacomplexada un extenso programa de reformas institucionais para voltar ao estado centralizado unitario e as outras forzas estatais practican o funambulismo sen cuestionar realmente a vaga recentralizadora.  Unha recentralización que anula a nosa capacidade de decisión sobre os nosos recursos, as nosas políticas, os dereitos que queremos para a nosa cidadanía. 

Frente aos rancios discursos ao servizo dos lobbys empresariais impulsores do proxecto recentralizador que cren ofrecer o paraíso nun "relaxing café con leche en la Plaza Mayor", decidir nós sobre as nosas relacións co mundo (cando, como e onde proxectamos a nosa cultura e ás nosas empresas);  sobre os requisitos que lles esiximos ás empresas para operar facendo que sexan respectuosas cos nosos recursos, co ambiente, coa saúde e a seguridade, cos dereitos das persoas consumidoras e traballadoras, é unha aposta democrática polo noso futuro.   

Comentarios