Opinión

Ánimo Alberto, se forte!

Dende hai uns días, as paredes de Monte Pío acollen a un home desolado e abandonado pola súa propia sorte e polo seu propio destino. O inquilino, se cadra, está desvelado e para a súa desgraza non é porque teña algo que celebrar. Toma unha tila, pero non acouga.

Dende hai uns días, as paredes de Monte Pío acollen a un home desolado e abandonado pola súa propia sorte e polo seu propio destino. O inquilino, se cadra, está desvelado e para a súa desgraza non é porque teña algo que celebrar. Toma unha tila, pero non acouga. Semella estar a revivir na súa cabeza a desesperación que lle acolle cada vez que ten que dar conta da súa política no Parlamento de Galicia. Espéralle unha longa noite de predra na que terá que asumir as novas destes últimos días... Un símil dunha noite á que ten sometida a nosa terra, Galicia, unha Galicia triste e sen futuro. Curioso como ao final o presidente fixo que seu futuro fora o do noso país.

"A día de hoxe Gómez Besteiro ten máis posibilidades de ser ministro con Pedro Sánchez que Feijóo con Rajoy; e non será porque non lle puxo énfase en selo. Pero o certo é que Besteiro non quere fuxir da súa terra e deixar á cidadanía galega tirada na estacada"

Aló por 2009, un tal Alberto irrumpe nunha senda de progreso iniciada en Galicia por un demonizado Bipartito e comeza o ataque frontal aos intereses dos galegos/as. Digo comeza porque non só non atreveu a facerlle fronte ao seu xefe e amigo Mariano, xa que pescudaba ter unha recompensa pola súa alta fidelidade; senón que en moitas ocasións foi o pioneiro dos xesteirazos máis crueis aos dereitos e liberdades da cidadanía. Pero o certo é que a realidade foi máis dura que os seus desexos e o presidente do PP abandonouno na estacada.

Días atrás, o PSdeG veu de anunciar que será o seu secretario xeral o que ocupe a vacante do posto de senador por designación autonómica. Pouco tardaron en saír todas as grullas populares do seu nido para que puideramos presenciar como a dereita cavernaria da nosa terra e as tertulias que alentan as súas declaracións, o acusaran de fuxir de Galicia e marchar a Madrid.

Se vos digo a verdade, entendo perfectamente a súa preocupación e crispación, xa que a día de hoxe Gómez Besteiro ten máis posibilidades de ser ministro con Pedro Sánchez que Feijóo con Rajoy; e non será porque non lle puxo énfase en selo. Pero o certo é que Besteiro non quere fuxir da súa terra e deixar á cidadanía galega tirada na estacada, senón todo o contrario, quere construír un proxecto para Galicia contando cos galegos e galegas. Por iso seguirá percorrendo cada unha das nosas vilas, pobos e cidades para recabar de primeira man todas as súas demandas e problemas. Aproveitará o seu cargo única e exclusivamente para defender os intereses dos galegos e galegas, nunha institución na que, aínda sendo antiga e desfasada, se pode esixir un cambio na política e un cambio no trato vexatorio que ten o goberno do PP coa cidadanía e con Galicia.

Aínda que algúns non queren asumilo, estamos nun cambio de época, nun cambio da política e nun cambio dos políticos/as e a quen a súa soberbia non lle permita velo, caerá na senda do esquecemento como tantos dinosaurios que vemos pasar a cotío e que non serán máis que unha páxina para a lembranza... Se ben é certo, poden seguir facéndose trampas e poñendo caras bonitas e xoves en cargos moi pomposos e rimbombantes, pero os mozos/as non son parvos e moito menos do PP. Para que a mocidade sexamos a vangarda do cambio non nos fai falla que os que se cren inmortais manteñan o seu brazo por detras para indicar cales deben ser o movementos correctos. 

"Alberto nada entendeu porque lonxe de escoitar as demandas da cidadanía, dedicouse a percorrer España enteira para promocionarse el mesmo e ser ministro para poder fuxir canto antes de Galicia. Pero para a súa desgraza non o queren nin no seu Partido"

O PP leva retando e humillando durante moito tempo á mocidade galega e española coas súas políticas en contra dos nosos dereitos, pero tamén das nosas liberdades, incluída a de expresión. Pero a realidade é outra, a mocidade dixo alto e claro: “NON ás políticas paleolíticas do Partido Popular”.  E coas eleccións do pasado día 24 de maio advertiron a Alberto de que vaia preparando as maletas, esas mesmas que lle deu el aos mozos/as condenándoos á máis cru emigración.

A vida da xente é ben diferente á que se mostra nos tristes e paupérrimos debates que temos que aturar nun Parlamento preso dunha ditadura democrática do Partido Popular, a través da súa asfixiante maioría absoluta. A mocidade queremos ter un futuro digno e en vez de ter que pedir esmola, poder disfrutar duns dereitos que deberían estar blindados nunha democracia coma a nosa. Se estamos capacitados para ter que labrar o noso futuro aló onde nos condenan a vivir, fóra das nosas familias, dos nosos amigos/as, da nosa terra; tamén estamos capacitados para construír e ser partícipes do futuro do que seremos actores principais. 

Jose Ramón entendeu que era preciso ese cambio para que a cidadanía volvese a crer xa non só no PSdeG, senón na política e decidiu rachar coa política vella, cambiar as formas de facer, pero sobre todo as formas de ser. Só hai que ver que detrás del non hai fío nin atadura algunha desa vella política, senón unha equipa de xente nova con ideas frescas e renovadas. 

Demostrou coa súa xestión que outra forma de facer política é posible nunha das institucións máis opacas por excelencia: unha Deputación. Estou ben convencido que tamén fará un política diferente cando teña a honra de ser o presidente de todos os galegos e galegas.

Mentres, Alberto nada entendeu porque lonxe de escoitar as demandas da cidadanía, dedicouse a percorrer España enteira para promocionarse el mesmo e ser ministro para poder fuxir canto antes de Galicia. Pero para a súa desgraza non o queren nin no seu Partido e verase condeado a quedar onde nunca quixo estar, Galicia, pero espero convencido que non sexa por moito máis dun ano.

Benvido a Galicia Alberto, pero chegas 6 anos tarde. O teu tempo pasou. Game over!

Comentarios