Opinión

Cultura de vía estreita

Ti que estás a ler estas letras, neste xornal, seguramente es unha persoa culta. Unha persoa que gusta de cultivarse, cunha sensibilidade galeguista, consciente da importancia de termos uns medios públicos plurais en lingua galega. Seguramente lle dás importancia aos bens inmateriais que alicerzan a nosa cultura. Diríxome a ti, así, directamente, co emprego da segunda persoa, típico do xénero dramático, porque quero formularche unhas cuestións, en certo sentido dramáticas, que me desacougan e que, se callar, ti, persoa culta, incluso até persoa do mundo da cultura galega, podes contribuír a resolver.

Semella que a cultura galega se reduce á literatura: poesía e novela

Eu botei dez anos fóra de Galiza. Estiven en Catalunya para formarme no que máis me gusta, en teatro, porque aquí en Galiza non había unha escola pública. Calquera que se quixese dedicar ao teatro profesionalmente tiña que acceder desde o autodidactismo ou desde o lecer amador. Cando rematei bacharelato e COU en Becerreá, decidín que eu non quería facer unha carreira, desas que se supón que teñen saídas e, mentres, apuntarme á aula de teatro universitario, para reducir a miña vocación (paixón) ás poucas horas de lecer que me restasen dos estudos. Non, iso non é o que eu quería. Eu quería estudar teatro seriamente, como se o teatro fose medicina, como se fose unha profesión necesaria para unha sociedade civilizada e culta. Alentado polo meu pai, electricista de profesión, marchei facer as probas de acceso á RESAD de Madrid. Pero alí o tribunal avaliador advertiume de que tiña unha dificultade engadida: o meu acento galego. Meu pai, que me acompañaba, díxome: aquí non te van coller, temos que mirar noutro sitio. E así foi como marchei ao ITAE de Asturies, a principios dos anos 90, cando os estudos de Arte Dramática nin sequera eran equivalentes aos estudos universitarios. Eu non ía buscando un título, ía buscando unha formación. Cando rematei en Asturies marchei para Catalunya. Daquela, na segunda metade dos 90, todo o teatro que viña de alí era punteiro. Inscribinme nun curso intensivo de catalán e pasei as probas de acceso do Institut del Teatre de Barcelona, para facer a especialidade de Dirección escénica e Dramaturxia. Rematei os estudos no ano 2000, xusto cando os cataláns puxeron en marcha o primeiro programa de doutoramento en artes escénicas do Estado español. Como a min sempre me gustou saber cousas e levaba anos dándolle voltas a un dos aspectos fundamentais das artes vivas, o ritmo, e non había ningún estudo ao respecto, púxenme a facer o doutoramento, que rematei hai anos.

En 2005 a Xunta abre a ESAD e fai falta profesorado especializado. Aínda que xa viñera para dirixir un espectáculo no 2000 coa Cía. Novedous e no 2001 gañara o premio Álvaro Cunqueiro, non foi até o 2005 cando volvín definitivamente (?) para Galiza.

O contraste da vida cultural galega respecto á catalá resultoume moi forte. Alí a xente culta reclamaba todas as expresións que alicerzan unha cultura plena e axeitadamente desenvolvida, coas súas institucións correspondentes: o teatro, a danza, a ópera, a música, a literatura, o cinema etc. Aquí, a xente culta, e mesmo a que se dedica á cultura, semella ignorar ou darlle as costas á necesaria complementariedade das diversas artes que constitúen unha cultura de seu. Semella que a cultura galega se reduce á literatura: poesía e novela. Os textos teatrais case non se coñecen. O teatro e o novo circo son algo excepcional. A danza case non está nos teatros. As artes escénicas son minorizadas polas políticas públicas e polos medios de comunicación. A crítica en artes escénicas desapareceu dos xornais. Alén disto, o que me parece máis grave é que a xente culta e incluso a que se dedica á cultura non reclame pezas de danza, de teatro, espectáculos de circo galego etc. Deste xeito temos unha cultura de vía estreita, encollida, con sectores moi creativos e preparados que están desnutridos e totalmente marxinados. E así non somos país. Se callar somos paisiño nada máis.

Di un escritor/a? Unha novela ou libro de poesía?

Agora di unha coreógrafa? Unha directora teatral? Unha peza de danza? Unha peza teatral actual?

Comentarios