Opinión

Avante a loita do estudantado galego

O pasado 20 de febreiro, as rúas das principais cidades e vilas da Galiza enchéronse de ilusións e berros nunha histórica xornada de loita para rexeitar a lei da wertgoña e os numerosos recortes que sofre o ensino público da man das políticas de Feijóo na Xunta de Galiza e do Partido Popular no goberno español. 

O pasado 20 de febreiro, as rúas das principais cidades e vilas da Galiza enchéronse de ilusións e berros nunha histórica xornada de loita para rexeitar a lei da wertgoña e os numerosos recortes que sofre o ensino público da man das políticas de Feijóo na Xunta de Galiza e do Partido Popular no goberno español. O estudantado galego ten moi presente que o único obxectivo destas reformas educativas a golpe de maioría absolutista é desmantelar o sistema educativo, en beneficio da educación privada/concertada, cristiá, patriarcal e españolizadora.  

"É preciso manter a combatividade do estudantando galego para facermos fronte ao españolismo máis feroz e á dereita rancia"

É preciso manter a combatividade do estudantando galego para facermos fronte ao españolismo máis feroz e á dereita rancia e impedir a expulsión das fillas e fillos das clases traballadoras do sistema educativo público, sexa ensino medio como universitario.

As mobilizacións vividas nas sete cidades galegas e en máis de vinte cabeceiras de comarca amosan a insubmisión do estudantando face os recortes que impón o capital. Mais nesta batalla na defensa do ensino público galego aínda non estamos todas. Cómpre sumar máis estudantes, máis mocidade  e continuar mostrándonos fortes ante a represión e os ataques do sistema que só procuran desprestixiar a nosa loita e restar forza aos nosos obxectivos.

"A resposta máis contundente non resultará dun confronto inútil co mobiliario urbano, senón da nosa capacidade colectiva por sumar máis povo tras as xustas reivindicacións do estudantado e da mocidade galega". 

Máis unha vez temos que rexeitar o abuso de autoridade vivido nas rúas onde o estudantado foi identificado masivamente, ameazado con sancións económicas e limitado no exercicio da liberdade de expresión séndolles incluso secuestradas por parte da policía as bandeiras da nosa Patria. Con todo, debemos resaltar que a fortaleza e potencia dos protestos non radica en accións violentas de carácter espontáneo e individualista -como as vividas en Vigo ou Compostela-, que para alén da autosatisfacción dunha minoría non contribúen a sumar máis apoios e complicidade social á nosa loita, senón que acaban por ser funcionais en moitos casos a  intereses contrarios, sendo empregadas polo poder como escusa para disolver mobilizacións masivas e para caricaturizar e desprestixiar a propia protesta. A resposta máis contundente non resultará dun confronto inútil co mobiliario urbano, senón da nosa capacidade colectiva por sumar máis povo tras as xustas reivindicacións do estudantado e da mocidade galega. 

A nosa principal arma revolucionaria continúa a ser a intelixencia. Intelixencia para calibrarmos que pasos dar en cada momento, non en función de pulsións persoais -e moito menos por intereses de grupo- senón dos obxectivos que perseguimos colectivamente. Intelixencia desde a que só cabe ter a certeza de que o camiño non é outro que o de continuar a sumar conciencia organizada a este lado da trincheira. Tras o 20F a nosa loita non debe rematar, agora temos que continuar organizándonos nos nosos centros de ensino e universidade, nos barrios e as vilas, nos centros de traballo, colectivizando a resposta aos ataques reaccionarios do Partido Popular ao noso dereito a un ensino público, galego, democrático e de calidade, e traballarmos desde xa cara a unha nova resposta na rúa.

Comentarios