Opinión

Portas xiratorias, imputad@s e mercantilización da USC

Parece que os despropósitos na Universidade pública galega nunca chegarán ao seu fin. O Consello Social da USC é un gran exemplo desta situación. A renovación do seu Presidente, a comezos deste ano, levou a José María Arias Mosquera, ex presidente do Consello de Administración do Banco Pastor , ao cargo. Que relación ten José María Arías Mosquera ca Universidade? Ningunha.

Parece que os despropósitos na Universidade pública galega nunca chegarán ao seu fin. O Consello Social da USC é un gran exemplo desta situación. A renovación do seu Presidente, a comezos deste ano, levou a José María Arias Mosquera, ex presidente do Consello de Administración do Banco Pastor , ao cargo. Que relación ten José María Arías Mosquera ca Universidade? Ningunha.

"O presidente do Consello Social dunha Universidade Pública fai apoloxía do ensino privado!"

A isto hai que sumar que poucos días despois de asumir o cargo, José María Arias Mosquera é imputado no caso Pastor, xunto con parte da cúpula do banco, por manipulación das contas. Sumado a isto, atopamos outra persoa imputada no Consello Social: Rebeca Domínguez, representante do Concello de Compostela na USC.

Cal é a sorpresa ao ler esta información de Sermos Galiza, na que o voto que decide que a Universidad San Jorge (privada e católica) comece a impartir titulacións en Galiza, sexa precisamente o do Presidente do Consello Social da USC. Unha persoa que ademais fai un alegato á necesidade de universidades privadas. O presidente do Consello Social dunha Universidade Pública fai apoloxía do ensino privado!

Agora ben, é esta situación excepcional? O documento base para as mudanzas na gobernanza da Universidade (a través da Estrategia Universidad 2015, pactada polo PP e polo PSOE con Gabilondo no Ministerio) está redactado pola Fundación Conocimiento y Desarrollo, que preside Ana Patricia Botín, presidenta de Banesto e filla do magnate do Santander.

O incremento de participación empresarial nos Consellos Sociais tampouco é unha excepción: outro exemplo témolo na UNED, onde o presidente do Consello Social é César Alierta (Presidente de Telefónica). A composición de calquera Consello Social do Estado amosa un enorme sesgo cara as finanzas e as grandes empresas.

"Este proceso de traslado do control da Universidade dende as súas institucións soberanas (que, por certo, teñen pouco de democrático) cara poderes económicos é evidente".

Este proceso de traslado do control da Universidade dende as súas institucións soberanas (que, por certo, teñen pouco de democrático) cara poderes económicos é evidente. Vémonos inmersos neste proceso até o punto no que as tarxetas universitarias son xestionadas polo Banco Santander. Ao mesmo tempo, as bolsas caen e as taxas soben, que ten como consecuencia inmediata a expulsión de parte do estudantado da Universidade. Tamén ten consecuencias colaterais, como que se incremente a prostitución (na maioría dos casos de mulleres, porque tamén no ensino hai dupla explotación) para poder pagar os nosos estudos.

E chegamos ao elemento que máis lle gusta ao sistema financeiro: faise preciso un crecente endebedamento do estudantado para poder estudar. Así é como o desmantelamento dun servizo público crea un novo nicho de negocio para a grande banca.

Outro elemento relevante derivado deste tipo de políticas: diminúe a calidade da ensinanza pública (falta de recursos, masificación de aulas, descenso de investigación...). No Estado Español a universidade privada non era competitiva (nese concepto que tanto gusta aos neocons), a súa calidade era inferior e as taxas moi superiores.

Polo tanto, o obxectivo é reducir os recursos da Universidade Pública para que sexa peor, incrementar as taxas para que se equiparen ao sistema privado e reducir as bolsas para evitar que parte do estudantado sexa alleo a esta nova problemática. Con esa situación de fondo, o noso compa imputado José María Arias Mosquera, presidente do Consello Social, fala da necesidade do impulso dunha universidade privada en Galiza. Un insulto en toda regra a quen defendemos un ensino público e galego de calidade.

"Que curioso que a Xunta aprobara unha Lei Galega de Universidade hai menos de dous anos no que lexislaba a posibilidade da existencia de universidades privadas en Galiza"

Por certo, que curioso que a Xunta aprobara unha Lei Galega de Universidade hai menos de dous anos no que lexislaba a posibilidade da existencia de universidades privadas en Galiza. Non se toman decisións illadas nun momento concreto, lévase a cabo unha estratexia para o desmantelamento do ensino público.

Pero, que é o Consello Social? Un organismo no que se cobran dietas (e poucos as rexeitamos), que aproba prezos de mestrados de até 30.000€ ou incrementos de prezos en servizos como a reprografía, cunha paridade de xénero de 1 a 4, onde o único parámetro a valorar era o económico e o que menos interesaba era a calidade do ensino. Con honrosas excepcións, as persoas que forman parte do Consello Social nin lían a documentación presentada. Por iso, tamén debemos facer valer que non todas as persoas alí presentes asumen a situación, comezando polo estudantado.

O triste desta situación é que se volveu normal. Unha situación esperpéntica, pero normal. É necesario, dunha vez, repensar o modelo de ensino que queremos e, en primeiro lugar, conseguir desaloxar ás persoas carentes de lexitimidade dos organismos de poder da Universidade.

Comentarios